Nigrán pecha o Entroido o sábado 4 co Enterro do Kiko
A comitiva sairá do concello ás 18h30 e este ano, excepcionalmente, non contará con bois


O Concello de Nigrán pecha o seu entroido este sábado 4 de marzo co tradicional enterro do kiko, evento realizado sempre grazas ao Centro Cultural Parada do Miñor. O animal estará exposto a partir de mañá na entrada do Auditorio Municipal, desde onde partirá cara o Torreiro de Parada o sábado ás 18:30 acompañado por un cortexo fúnebre composto pola comparsa de entroido ‘Xeada Parada’, a charanga ‘Vaite Xa’, ‘autoridades’ e demais asistentes. Previamente, desde as 18:00 horas, a Praza do Concello estará animada pola música en directo da charanga e o tradicional responso do ‘cura’. Este ano, excepcionalmente, o ‘kiko’ non será tirado por unha parella de bois ao ter falecido un deles inesperadamente, pero xa dispoñen de relevo para o vindeiro ano.
O kiko será velado a partir das 19:30 horas no Torreiro, onde o pregoeiro Antonio oficiará un funeral no que non faltarán as coplas que con moita sorna elabora cada ano para a ocasión. Despois terá lugar a procesión polo barrio da Igrexa e a queima. A xornada rematará á noite co concerto de D´Lider (Prosy e María Rúa) previsto para as 21:30 horas.
Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico ‘Enterro da Sardiña’, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con "kikos" (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai seis anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois.