La Ventana MetropolitanaLa Ventana Metropolitana
Sociedad | Actualidad
Premios Nigrán 2023

Protección Civil e a Sociedad Atlética Val Miñor, "Premios Nigrán 2023"

O concello ratifica no pleno municipal as diferentes iniciativas premiadas este ano

A corporación de Nigrán acordou por unanimidade na Xunta de Portavoces da semana pasada os galardoados cos Premios Nigrán 2023, que quedan ratificados no pleno deste luns. A selección foi realizada grazas ás propostas dos diferentes partidos, colectivos sociais, culturais e veciñais do municipio, a quen o goberno local agradece a súa colaboración.

Os galardóns regresarán o sábado 11 de marzo na súa undécima edición coa tradicional gala, xa sen medidas Covid tras tres anos condicionada. O xa consolidado acto institucional pretende ser un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria de cada un dos premiados. "Son entidades e persoas sen as cales non se entende o municipio porque co seu traballo, constancia e esforzo teñen contribuído a pór en valor Nigrán, facendo del un lugar máis amigable e do que sentírmonos orgullosos, por iso se merecen este recoñecemento", destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

Premio Social

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor naceu no ano 1997 en Nigrán para uns anos despois extender o seu traballo altruísta a toda a comarca. Polas súas filas teñen pasado máis de 2.000 voluntarios, sendo actualmente unha das entidades máis numerosas de Galicia con preto de 150 persoas que non perciben ningún salario a cambio.

Premio Educativo

A Escola Infantil Plurilingüe ‘As Dunas’ de Panxón é a única unitaria que permanece en activo no municipio desde a súa creación no ano 1957 e está adscrita ao CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios. Trátase dunha escola familiar, con 41 crianzas matriculadas actualmente, e que destaca pola súa educación en valores e o seu estreito contacto coas familias, coas que ademais comparten semanalmente tempo na súa propia biblioteca e en diferentes festas e excursións.

Premio Empresarial

A Tenda de Lila é un pequeno comercio de alimentación do barrio de Area (Praia América), aberto hai algo máis de medio século por Lila González, falecida o ano pasado aos 88 anos, e quen lle cedeu pronto o testigo da tenda a súa nora Delia Méndez, que se xubila neste mes de Marzo e pecha tras 40 anos detrás dos mostrador e sen relevo xeracional para continuar.

Premio Cultural

A Rondalla de Santiago de Parada foi fundada no ano 1993 por iniciativa dun grupo de veciños da parroquia de Parada e baixo a dirección de Plácido Salgueiro Méndez, contando nese momento con 84 compoñentes. Trátase da única rondalla do municipio e coa súa característica capa azul petróleo e ouro representan a Nigrán en certames de toda a provincia e mesmo fóra dela, onde estas formacións folclóricas tradicionais do Nadal das Rías Baixas non son coñecidas.

Premio Deportivo

A Sociedad Atlética Val Miñor foi fundada no ano 1994 en Gondomar por recoñecidos deportistas do atletismo vigués que desexaban crear canteira na comarca e facilitar así a súa práctica. A Sociedade está presidida por Guillermo Martínez e a conforman a día de hoxe 120 atletas de todo o Val Miñor desde os 4 aos 60 anos e tres adestradores, entre os que se atopa Óscar Fernández con licencia nacional.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00