A Eurocidade Tui - Valença acollerá quince probas deportivas este ano 2023
O calendario deportivo conxunto comeza esta mesma fin de semana co Trail do Aloia

Presentación do calendario deportivo do 2023 na Eurocidade Tui-Valença

Tui
A Eurocidade Tui-Valença presentou este mediodía o seu Calendario Deportivo da Eurocidade 2023 con máis dunha decena de probas deportivas de múltiples disciplinas que se celebrarán ao longo deste ano e grazas a colaboración dos dous municipios transfronteirizos.
A primeira cita deste calendario será esta mesma fin de semana co Trail do Aloia, unha proba clásica que tamén servirá de inicio para a Pontevedra Trail League. Este venres, coincidindo con esta presentación ábrese o prazo de inscrición para outra das probas destacadas deste calendario: a décima edición da Eurocidade BTT que organiza a Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas o próximo 12 de marzo.
Tamén en marzo, as outras citas deportivas serán o 4 de marzo co TT Eurocidade de Motos e o 25 co TT Eurocidade Jeeps. Amais, con frecuencia mensual, haberá unha andaina dentro do Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade, serán un Tui e outro en Valença. Comezarán en abril polas Festas de San Telmo e logo haberá percorridos por Sanfíns, Ribadelouro, o Cerdal, polo centro histórico de Tui, por Friestas, pola Macoca e por Fontoura.
En abril o deporte será o baloncesto, co Torneo Mini de Basquet Eurocidade que terá lugar o 1 e 2 en Valença. Coa chegada do verán, e xa en xuño, terá lugar a Rampa do Monte do Faro e o Campionato de Kung Fu Eurocidade. En xullo o protagonismo será para o judo co Torneo Eurocidade o 8 e 9. Co inicio de setembro, Tui e Valença vivirán tres xornadas de hoquei, un novo Torneo Internacional de Basquet, a Regata de Remo Eurocidade e, aínda con data por determinar en setembro e outubro, o Torneo de Tenis da Eurocidade.
En novembro haberá dous eventos deportivos: primeiro o Torneo de Baile Deportivo e a Urban Trail Night o 26 de novembro.