A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, expón en Valencia o segredo para 16 anos de alcaldía: "Proximidade"
A rexedora aposta por “estar permanentemente na rúa para coñecer as necesidades dos veciños"


A alcaldesa de Mos e vicepresidenta do PP de Pontevedra, Nidia Arévalo, participou esta tarde na mesa redonda “Pasado, presente e futuro do municipalismo”, durante a Intermunicipal que os populares están celebrando en Valencia, e á que tamén asistiu o presidente provincial, Luis López, entre outros cargos do partido na provincia.
Arévalo, que foi a única alcaldesa galega en intervir durante a intermunicipal, sinalou que o segredo para manterse no cargo durante 15 anos e seguir recibindo apoios reside “no sentido común, na proximidade, en priorizar sempre os intereses dos meus veciños, en crer no municipalismo e crer que a transformación de Mos era posible”. A popular afirmou que “o PP cree no municipalismo, presenta aos mellores candidatos e por iso temos aos mellores alcaldes e alcaldesas, pero o resto non teñen por que ser os mellores. Chégalles con arranxar un pacto para gobernar”.
Sobre a súa xestión ao fronte do concello, explicou que “reclamo onde faga falla os investimentos e os servizos que os meus veciños precisan. Temos unha folla de ruta clara, e nestes quince anos Mos pasou de ser un concello descoñecido, case unha autovía de entrada a Vigo a converterse en industria, en patrimonio e, sobre todo, un concello humanizado. Hoxe toda Galicia sabe onde está Mos”. Durante a súa intervención tamén puxo en valor que “conseguimos grandes proxectos para garantir o progreso de Mos”, e como exemplo, sinalou que este concello, e non Vigo, acolle xa a cidade deportiva do primeiro equipo de Galicia, o Celta.
Isto, continuou, “é o municipalismo, un compromiso firme e decido para servir aos meus veciños”. Un compromiso que conleva “estar permanentemente na rúa, para coñecer as necesidades dos veciños, rodearse dun gran equipo humano e ter un programa pensando que o que facemos a corto prazo debe servir, sempre, ao que necesitará de verdade o noso concello no futuro, e para isto é fundamental planificar e non improvisar”.