O Museo de Pontevedra recolle en Fitur a distinción que o acredita coa Q de calidade e o S de susentabilidade turística do ICTE
O museo é a primeira entidade museística do Estado que recibe a un tempo ambos recoñecementos oficiais
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/BSAREANQCNBD7DDHDVYQQ2E5JY.jpg?auth=23f74cd750f99f88a05813bf9e21ee87979fe65f297964c18495e80f930fef4a&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
Joaquin Barreiro
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/BSAREANQCNBD7DDHDVYQQ2E5JY.jpg?auth=23f74cd750f99f88a05813bf9e21ee87979fe65f297964c18495e80f930fef4a)
O Museo de Pontevedra, da man da presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o director Xosé Manuel Rey, recolleu na noite de onte na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles en Madrid as distincións concedidas polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) pola súa calidade e sustentabilidade, converténdose así na primeira entidade museística do Estado que recibe a un tempo ambos recoñecementos oficiais.
Logo de recoller os galardóns na gala da ‘Noite Q 23’, presidida pola Ministra de Turismo Reyes Maroto e o presidente do ICTE Miguel Mirones, o vicepresidente da Deputación César Mosquera asegurou que recibir as distincións do ICTE supón entrar a “xogar na ‘Champions dos museos’ na que o Museo de Pontevedra tiña que xogar desde sempre”.
Segundo destacou Mosquera, os distintivos poñen ao Museo de Pontevedra “á altura do Thyssen ou do Guggenheim”, que son os únicos que teñen o Q de calidade en España, mais aínda non dispoñen do S de sustentabilidade. En Galicia, explicou o responsable do Museo, ningunha entidade semellante ten ningún dos recoñecementos, mentres que a maneira de funcionar do Museo de Pontevedra en canto a calidade e sustentabilidade pasou a inspección e a avaliación do ICTE “sen ningún problema e coas máximas notas”.
“Estamos moi contentos, avanzando na liña de converter o Museo de Pontevedra publicamente no que xa é internamente, de darlle esa potencia e recoñecemento público que merece e no que seguiremos a traballar. (...) O Museo está a funcionar moi ben e iso ten que trascender”, dixo Mosquera.
Así mesmo, o vicepresidente augurou que 2023 será un ano moi frutífero para o Museo de Pontevedra tanto pola incorporación de Santa Clara, como tamén pola rehabilitación dos edificios centrais, que xa está en contratación. Comézanse así, dixo, “a recoller froitos dun traballo que se comezou hai uns anos. Antes hai toda unha historia que recoñecer, pero a idea central é que o Museo ten unha potencialidade que non se estaba aproveitando na súa totalidade e isto -os premios que acabamos de recibir- demóstrao”.
Logo do acto de Madrid, a celebración da ‘Q’ e do ‘S’ do ICTE seguirá na cidade do Lérez o vindeiro martes 24 cun acto de conmemoración no que haberá música e audiovisuais. Será ás 19.30 horas no Edificio Castelao e contará coa actuación musical do grupo Mallou, coa proxección dun audiovisual sobre o traballo do Museo, con discursos institucionais, así como coa participación de representantes da restauración e hostalería que dispoñen tamén do galardón da ‘Q’ de calidade na cidade de Pontevedra: Ultramar, Eirado da Leña e Parador de Turismo. Para poder asistir como público é preciso inscribirse enviando un correo á Deputación.
Ao logro conseguido polo Museo de Pontevedra súmase tamén a renovación do galardón para o Castelo de Soutomaior e as oficinas de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza en Pontevedra, no Punto de información turística de Armenteira en Meis, e no Aeroporto de Peinador en Vigo. Tamén renovaron a Q oficinas da rede Info Rías Baixas como a da Estrada, a do porto deportivo de Sanxenxo, a de Caldas de Reis, a da Casa da Bola en Cangas, a de Cambados, a de Baiona, a das Dunas de Gaifar en Nigrán ou a do Casal de Ferreirós en Poio, así como os puntos de información turística da Illa de Arousa e de Cuntis.