A Deputación de Pontevedra presenta en Fitur as campañas "Orixe Rías Baixas" e "Pontevedra Provincia, plató de cine"
O Museo de Pontevedra, as oficinas da rede Info Rías Baixas e o Castelo de Soutomaior recollerán o distintivo de Calidade Turística
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/C3IY5JPMYZBRLIW4PFSXYVM5ZQ.jpg?auth=f97dda4220241d632fd76154c9b62cfe2dcf18c837e10e5642ed8093238bd82c&quality=70&width=650&height=365&smart=true)
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/C3IY5JPMYZBRLIW4PFSXYVM5ZQ.jpg?auth=f97dda4220241d632fd76154c9b62cfe2dcf18c837e10e5642ed8093238bd82c)
A Deputación desembarca este mércores, 18 de xaneiro, en Fitur (Feira Internacional de Turismo) cunha ampla axenda de traballo marcada polo lanzamento de “Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra”, a campaña coa que a institución vai promover o destino Pontevedra Provincia ao longo do 2023. Amais do tiro de saída a “Orixe”, a Deputación ten previstas dúas presentacións máis dos múltiples atractivos que ten o destino tanto para as rodaxes cinematográficas como para a práctica de actividades deportivas. Tamén asinará un convenio con Renfe para a promoción da provincia e recollerá, na Gala Q de Calidade no Palacio de Cibeles, os distintivos Q ao Museo de Pontevedra, o primeiro de Galicia en acadalo, e ás oficinas de turismo da Deputación.
A artista Julia de Castro acompañará a presentación "Orixe Rías Baixas"
A axenda da delegación provincial en FITUR, liderada pola presidenta Carmela Silva, comezará este mesmo mércores, 18 de xaneiro, ás 13.15 horas no pavillón 10 de IFEMA onde a presidenta asinará un convenio con Renfe para impulsar accións de marketing e comercialización da provincia nos AVE de Longa Distancia. Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas no “Fitur Screen”, auditorio do pavillón 8, terá lugar a presentación de “Pontevedra Provincia, plató de cine”, onde se amosarán os diferentes recursos da provincia que a converten nun escenario “diverso, cómodo, inédito, accesible, versátil, seguro e único” para rodaxes cinematográficas. En Fitur Screen estará disposto un stand propio da Deputación onde tamén se dará a coñecer a nova web de Pontevedra Provincia Film Commission.
O xoves 19 de xaneiro ás 17.00 horas no auditorio “Ágora” do stand Turespaña, no pavillón 9, a presidenta da Deputación Carmela Silva xunto á artista multidisciplinar Julia de Castro darán o tiro de saída á campaña “Orixe Rías Baixas” cunha espectacular posta en escena, con vídeos, música e moitas sorpresas, na que as tradicións e a artesanía terán un papel moi relevante. Durante o acto estarán presentes alcaldes e alcaldesas da provincia e entregarase un agasallo boutique coas citas imprescindibles para desfrutar de toda a autenticidade de Rías Baixas.
Ese mesmo día, ás 17.30 horas, terá lugar a presentación do proxecto de turismo deportivo da Deputación no marco do I Fitur Sport Tourism Summit, no pavillón 10. Alí divulgarse o audiovisual “Sport Rías Baixas. Siente la experiencia”, onde se presentan escenarios da provincia ideais para a práctica de disciplinas deportivas relacionadas coa auga e a montaña que se complementan cunha ampla oferta de experiencias e unha variada gastronomía.
Tamén o xoves, a partir das 21.00 horas, a delegación da Deputación en FITUR, coa presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, recollerá na “Gala Q” na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles a Q de Calidade Turística ao Museo de Pontevedra así como ás oficinas da rede Info Rías Baixas e ao Castelo de Soutomaior que renovan o distintivo.