A Asociación Érguete bate o seu propio récord histórico con máis de 6.000 persoas atendidas no ano 2022
A entidade conta con sete programas de intervención para ofrecer axuda personalizada


Un récord en axuda. A Asociación Érguete superou, por primeira vez nos seus 37 anos de existencia, as 6.000 persoas atendidas.
En concreto, a entidade deu atención a 6.058 persoas da man dos e das profesionais que integran esta asociación. Isto supón 416 persoas máis que no ano 2021.
Para chegar a tantas persoas, a Asociación Érguete conta con sete programas de intervención que permiten ofrecer as usuarias e usuarios unha atención individualiza e adaptada a súa situación. A coordinadora da entidade, Elvira Rivas, destaca que “estes resultados anímannos a continuar a loita que comezaron Carmen Avendaño, Dora Carrera e moitas outras nais fai 37 anos, e a seguir mellorando e innovando nos nosos programas para chegar a todas as persoas que o precisen”.
Pór o foco na prevención
Un dos programas chave e nos que a entidade pon o foco é o de prevención, xa que, “para nós é prioritario concienciar as novas xeracións sobre como pode cambiar unha vida unha adicción, á vez que lles dotamos de ferramentas para saber dicir que non e pasalo ben sen consumir”, explican dende o equipo da entidade. Os e as profesionais da entidade visitaron cos seus talleres de prevención a 4.866 menores da provincia de Pontevedra, compartiron formacións con 447 familias de 15 concellos da área metropolitana de Vigo.
Rivas tamén destaca que, “ademais do de prevención, todos os nosos programas creceron en persoas atendidas”, 756 persoas recibiron asesoramento xurídico gratuíto da man dos avogados e avogadas da entidade, 36 persoas viven nas vivendas de acollida que a Asociación ten en Vigo e 176 con condutas adictivas e problemas legais asociados, tamén adolescentes, recibiron un seguimento individualizado e familiar e varias formacións na entidade.
Por último, a Asociación Érguete tamén incrementou a súa presenza nos Centros Penitenciarios de A Lama e Teixeiro, axudando a mellorar as condicións de vida en prisión de 224 persoas.