O Concello de Nigrán reparte xoguetes recadados a 65 familias do municipio en situación de vulnerabilidade
O Concello mantén durante todo o ano a recollida a través do Banco Municipal de Xoguetes para que as persoas atendidas polos Servizos Sociais poidan recurrir a el no Nadal ou aniversarios
O Concello de Nigrán rematou esta semana o reparto de brinquedos recadados durante todo o ano a través do Banco Municipal de Xoguetes co fin de que, precisamente, ningunha crianza quede sen agasallos de Nadal. Os miles de brinquedos doados pola veciñanza directamente ao Concello servirán para agasallar os Reis e Papá Noel de preto de 100 menores do municipio de 0 a 12 anos de 65 familias en situación de vulnerabilidade. A maiores, quedou unha remesa suficiente para que as familias poidan recorrer a el durante o resto do ano.
"O Nadal é a época na que máis se reparten, pero realmente o Banco Municipal está aberto durante todo o ano para recibir doazóns e tamén para repartir entre as familias vulnerables que o precisen", explica o alcalde, Juan González, quen subliña a implicación dos seu equipo de goberno, voluntariado e persoal do pavillón de deportes de Panxón que, durante meses, estivo seleccionando só os que estivesen en perfecto estado, hixienizándoos e empaquetándoos.
O obxectivo do Concello de Nigrán é que o Nadal non signifique para as familias en risco de exclusión social do municipio un agravamento da súa condición, polo que o goberno local leva adiante máis iniciativas solidarias, como recollida de alimentos non perecedoiros en diferentes eventos ou a promoción do Roupeiro Municipal (ben para realizar doazóns ou ben para entregar).