O Concello de Nigrán busca negocios interesados en participar na campaña de promoción do comercio local deste nadal
Os comerciantes que desexen sumarse deben inscribirse ata o 6 de novembro nun formulario web en www.nigran.es. A súa imaxe servirá para relanzar #VivoEnNigránComproEnNigrán e #EuSonDe MercarEnNigrán


Vigo
O Concello de Nigrán busca caras novas no municipio para protagonizar a vindeira campaña de Nadal de promoción do comercio local coa que colabora a asociación de empresarios Ovalmi. Con este fin, os negocios interesados (sexan ou non socios de Ovalmi) dispoñen ata o 6 de novembro para inscribirse a través dun formulario web en www.nigran.es ou directamente en https://forms.gle/wqe9VVDatBzApxW1A. O obxectivo é darlle continuidade ao lema '#VivoEnNigránComproEnNigrán' e #EuSonDeMercarEnNigrán empregando novamente os rostros de coñecidos comerciantes da localidade como reclamo.
“A campaña de Nadal de promoción do comercio local é xa unha tradición do Concello de Nigrán porque funciona moi ben nunhas datas de moitas compras. Serve tamén para conciencienciar á cidadanía da responsabilidade individual de cada un de nos á hora de consumir e dá continuidade ao noso traballo ao respecto”, defende o alcalde, Juan González, quen considera que “o mellor reclamo é porlle rostro aos nosos comerciantes”, polo que o Concello sigue apostando por este tipo de campaña personalista.
A iniciativa municipal comprende diferentes aspectos que se irán anunciando conforme se achegue a data, pero volverá a incluir vallas, cartelería, difusión en redes, bolsas alusivas, gifs… “Agora estamos na fase de encontrar comerciantes dispostos para poder levala adiante, nos gustaría que, a través deles, unha vez máis, todos se sintan representados”, finaliza González, quen agradece “unha vez máis, a colaboración de Ovalmi”.