Política | Actualidad

O BNG ten definidos aos seus candidatos

Á espera do refrendo polo Consello Nacional, só en cinco concellos hai dúbidas

A Costa da Morte

O BNG quere trasladar á Costa da Morte o crecemento experimentado nas pasadas elecións autonómicas. A segunda forza política no parlamento galego encara a cita de maio coa esperanza de ampliar a cota de poder actual. As asembleas locais están a designar quenes van liderar as candidaturas e está previsto que o proceso estea rematado o día 19 de novembro, coincidindo coa visita que a voceira nacional, Ana Pontón, realizará á Costa da Morte. Unhas escollas que deberán ser refrendas polo Consello Nacional.

Os nacionalistas afrontan a cita coas urnas coa confianza de poder presentar lista en todos os concellos da Costa da Morte. A día de hoxe os procesos inda non están pechados en Vimianzo, Cabana , Coristanco e A Laracha. O BNG encara a cita de maio con tres alcaldías no seu poder-as de Carballo, Mazaricos e Zas-e participando no goberno de Fisterra en coalición co PSOE. Nestes concellos haberá continuidade á fronte das candidaturas. Evencio Ferrero buscará a reeleción en Carballo, onde ocupa a alcaldía dende 2003. En Mazaricos, Juan Blanco loitará por renovar un mandato que mantén amplamente dende 2015. Caso similar ao de Zas onde Lolo Muíño detenta o bastón de mando dende 2007. En Fisterra os nacionalistas entraron no goberno local en 2015, nunhas elecións que deixaron ao PSOE coa alcaldía e a Kuka Sar como tenente de alcalde. Sar volverá a ser o rostro do BNG na Vila do Cristo.

Carnota é un concello no que os nacionalistas apostan por recuperar o sillón de mando. Para iso volverán a situar como cabeza de cartel a Ramón Noceda, exalcalde que dera un paso ao lado en 2019 cando gobernaba con maioría absoluta. Corcubión, gobernado polo BNG entre 1979 e 2003, ademáis dun breve espazo entre 2007e 2008, é outro dos municipios nos que se prevén resultados axustados, como vén sucedendo nas últimas citas coas urnas. Alí perfílase como candidato Francisco Javier Domínguez, nunha aposta por renovar o número 1 da lista cun militante que xa figurou nas papeletas en anteriores convocatorias. Na vila veciña de Cee repetirá Serxio Domínguez, en Muxía confíase no traballo de Carlos Fernández Concheiro para seguir sendo a voz do BNG na localidade e en Dumbría Xaime Trillo buscará dar visibilidade á opción do BNG. En Camariñas haberá relevo nos cartel electoral e será o responsable comarcal Xurxo Rodríguez Baña o que busque o seu espazo nun tradicional feudo do PSOE.

Na comarca de Bergantiños está confirmado Xosé Manuel Pose Lema para repetir como candidato en Laxe. En Malpica, logo de empezar a lexislatura formando parte do goberno do socialista Walter Pardo, o BNG pasou á oposición ao triunfar a moción de censura presentada polo PP con Alfredo Cañizo. O daquela edil de Deportes e Mocidade, Miguel Varela, buscará recuperar o espazo dos nacionalistas na vila. En Ponteceso é Fátima Rodríguez a designada para representar ao BNG nun dos concellos nos que a batalla se prevé máis encarnizada na loita pola alcaldía.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00