O Concello de Nigrán ofrece o programa "Música nas parroquias" para colaborar na celebración das festas de San Roque de Camos
As celebracións son o 23 e 24 de agosto, achegando o Concello a actuación da Banda de Música do Val Miñor e a verbena con Orquestra Solara e Grupo Xtra


Vigo
O Concello de Nigrán colabora coa Asociación de Veciños de Camos, 'A Camoesa' e 'Eixotolo' para ofrecer este 23 e 24 de agosto as festas de San Roque de Camos. Así, a través do programa municipal ‘Música nas Parroquias’, o Concello achega a verbena do día 23 con Orquesta Solara e Grupo Xtra e á Banda de Música do Val Miñor para a procesión e posterior concerto do día 24. A derradeira festa patronal coa que colabora o Concello é e o 'Bo Xesús de Priegue'.
Mañá martes comeza a xornada ás 10.00 horas con misa, seguida ás 12.00 horas de misa solemne e procesión e concerto ao cargo do Grupo de Gaitas Merced de Chaín. Pola tarde, ás 18.00 horas, animación infantil con inchables a cargo de Carcaxadas Animación. Pola noite, gran verbena proporcionada polo Concello a cargo da orquestra Solara e o grupo Xtra.
Xa o mércores 24, Día Grande, ás 12.00 horas será a Misa Maior seguida da tradicional procesión coa Banda de Música Val Miñor e concerto. Pola tarde celebraranse as tradicionais poxas a partir das 17.00 horas. Pola noite a verbena será a cargo do grupo Ritmo e o dúo Sabor Latino.
O programa 'Música nas Parroquias' do Concello de Nigrán naceu hai tres anos para apoiar as festas patronais do municipio, moitas delas organizadas ao 100% desde o consistorio ao non terse constituído comisións. Destes cartos, a Deputación de Pontevedra achega 10.000 € a través da Liña 2 do Plan Concellos.
“Iniciamos este programa co Covid-19 para poder manter as festas pese a ausencia de comisións organizadoras e apostamos pola súa permanencia para garantir a pervivencia das mesmas porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González.