Veciños do Ézaro denuncian que Acciona non lles paga polos eólicos que ocupan os seus montes
A Xustiza ordea ós propietarios que retiren o valado de aramio dos terreos

Un parque eólico / Michael Betts

A Coruña
A veciñanza do Ézaro vén de dar un paso máis no pulso que manteñen con Acciona polas condicións nas que a empresa explota os montes desta parroquia dumbriesa.
A pugna comenzou no ano 2000, cando a empresa Eurovento instalou un parque eólico no monte veciñal do Ézaro. No 2008 iniciouse un proceso xudicial para decidir a titularidade dos terreos a raíz dunha denuncia da empresa e dun veciño. Logo de varias sentenzas e recursos, no 2012 o TSXG fallou a favor dos propietarios da comunidade de montes.
Nese momento os propietarios reclaman a Acciona, propietaria de Eurovento, que lles pague polos 25 aeroxeradores instalados no monte veciñal e non só por 14 como está facendo. Ante a falta de resposta deciden denunciar.
Ao mesmo tempo, a Comunidade De Montes realiza un peche do monte cun valado de aramio, deixando abertas as pistas de servizo do parque eólico. Unha actuación que motivou a denuncia de Acciona ante o xulgado de Corcubión. Nesa primeira instancia a xustiza doulle a razón á empresa ao entender que o valado interfire no funcionamento do parque. Unha decisión recorrida polos veciños e da que aínda non hai sentenza firme. Aínda así a Xestora do monte veciñal acaba de recibir unha orde para retirar o peche.
A indignación é máxima entre os propietarios xa que non entenden que lles obriguen a desfacer a obra do valado antes da resolución do recurso xudicial. O malestar medra ao lembrar que Acciona non paga por tódolos aeroxeradores instalados, maís aínda logo de comprobar que, segundo o informe da Asociación Galega de Comunidades de Montes, o prezo por aeroxerados que están cobrando no Ézaro, menos de 3.000€ por eólico, é dos menores de toda Galicia.