Nace 'Peixes da Lonxa da Coruña', selo para reivindicar o produto de mar coruñés
Esta mañá foi presentado no Mercado da Praza de Lugo o selo que desde hoxe identificará os produtos de mar coruñeses
A Coruña
Esta mañá foi presentado no Mercado da Praza de Lugo o selo que desde hoxe identificará os produtos de mar coruñeses: Peixes da Lonxa da Coruña. Un distintivo que impulsa o Concello da Coruña para poñer aínda máis en valor o produto que chega á lonxa coruñesa e que se vende nos mercados da cidade.
A presentación fíxoa a propia alcaldesa, Inés Rey, acompañada do presidente da lonxa, Juan Carlos Corrás e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña, Héctor Cañete.
Son case 10.000 as familias que viven do sector pesqueiro e as súas industrias auxiliares e con este selo reivindícase "o produto fresco e de calidade". A campaña impúlsase nun primeiro momento nos mercados e comercios da cidade, pero irá ampliándose tamén á comarca.
A importancia da marca quedou patente nun mercado que esta mañá ofrecía os mellores produtos saídos da lonxa coruñesa e ás portas da principal campaña de vendas do ano.