Mos anuncia melloras en dous colexios de Primaria por preto de 400.000 euros
Os traballos acometeranse nos CEIPs de Petelos e Atín antes do final deste ano e serán financiados pola Consellería de Educación na súa totalidade

Imagen de archivo de la alcaldesa en un colegio / Concello de Mos

Vigo
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación mosense, Julia Loureiro, informaron hoxe de que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia acometerá antes de que remate o presente ano 2021 sendas obras de mellora por preto de 400.000 euros nos Colexios de Educación Infantil e Primaria mosenses de Atín e Petelos.
Os traballos atópanse en proceso de licitación para a contratación das empresas concesionarias, e comezarán a ser acometidos de cara ao vindeiro mes de decembro.
No caso do CEIP de Petelos a obra de optimización das instalacións consistirá na susbstitución de toda a carpintería de aluminio (portas e fiestras) do centro, cun orzamento de 158.626,38 euros.
E por outra banda, no CEIP de Atín acometerase a última fase da mellora integral do centro, co remate da renovación da carpintería de aluminio nas zonas que quedaban pendentes de substituír e substitución tamén dos falsos teitos e luminarias nos espazos nos que aínda non se fixera. Ademais procederase ao derrubamento do anexo-almacén do edificio e reparación de fachada, solicitado pola dirección e a ANPA do centro, á execución dunha rampa de acceso para solventar o acceso polo devandito antigo anexo; e demolición e desamiantado de cubrición do patio interior, cuberto con perfil gran onda de fibrocemento, para a posterior execución da nova cubrición do patio. As obras no colexio de Atín teñen un orzamento de 210.273,62 euros.