En marcha a reparación do empedrado do Camiño da Rúa
As pezas de granito en mal estado substitúense por outras novas, poñendo en valor o Camiño de Santiago ao seu paso pola parroquia de Mos, na contorna do Pazo dos Marqueses

Camiño da Rúa / Concello de Mos

Vigo
Desde este xoves atópanse en marcha os traballos de reparación do pavimento de granito do Camiño de Santiago no Camiño da Rúa da Parroquia de Mos, mediante a retirada das pezas en mal estado non recuperables coa substitución por outras das mesmas características.
A reparación de pezas soltas e movidas faise para acadar a planeidade idónea para o tránsito dos peregrinos nunha lonxitude de 42 metros lineais. O custo da obra acada ós 23.275 euros e finánciase a través dunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia, destinada a axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago.
A reparación do pavimento de granito do Camiño de Santiago no Camiño da Rúa da Parroquia de Mos era unha necesidade urxente e moi necesaria, xa que debido ao paso dos anos as infraestruturas foron deteriorándose, sobre todo co paso dos vehículos por esta zona. Coa peatonalización desta zona e o arranxo das zonas danadas, quérese conseguir dotar de valor o entorno do Pazo de Mos e a preservación do patrimonio local nas mellores condicións posibles.