O Concello convoca o I Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista
O certame, presentado hoxe e dotado con 1.500 euros, quere ser un recoñecemento os profesionais que fuxan do sensacionalismo e coiden a intimidade das vítimas

Presentación Premio / Concello Redondela

Vigo
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada de Joshua Mateo –fillo de Sesé Mateo– e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, presentaron esta mañá a que é xa a primeira edición do Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista, un certame que, aseguraron na presentación “nace con vocación de continuidade” e co que se pretende recoñecer publicamente “a ética á hora de tratar informacións tan delicadas como as relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e coidando a intimidade das vítimas e das persoas sobreviventes máis vulnerables”.
Digna Rivas, Joshua Mateo e Iria Vilaboa destacaron que os premios que hoxe se presentaban, queren ser tamén “un recordatorio permanente ás vítimas da senrazón que é violencia machista, unha das maiores lacras da sociedade” e dar a coñecer “o traballo de aqueles e aquelas que, a través dos seu traballo xornalístico “poñen o seu gran de area por conseguir unha sociedade máis igualitaria, máis xusta e máis decente”.
Nesa liña, cómpre salientar que os premios terán tamén en conta aos profesionais que, “con valentía atendan a esta secuela do patriarcado e do machismo como se merece: sinalando a súa profunda raíz e alentando a toda a sociedade a arrincala de vez”.