A inauguración da exposición de María Mejide sobre Cans da inicio a semana grande do festival
O martes péchase o prazo para mercar entradas e para inscribirse nas actividades

Imaxe dun dos traballos que forman parte da exposición de María Meijide. / Festival Cans

Vigo
Despois da boa acollida da retrospectiva Kleber Mendonça Filho a pasada fin de semana, continúan as actividades previas do Festival de Cans coa inauguración, ás 20 horas de mañá martes, da exposición 'O sur de Galicia parece de Hopper' (Cadernos de Cans). Nela, a artista plástica compostelá María Meijide (1978) presenta os traballos que fixo en Cans nos últimos anos. A pintora traballou neste proxecto a partir de motivos da aldea e a súa paisaxe natural e humana. Polas obras desfilan veciñas da Cans coma a señora Alicia, a icona do can amarelo, ou o impacto da autovía na vida da aldea. A mostra inaugúrase ás 20 horas no Círculo Recreativo Cultural (CRC) do Porriño, onde permanecerá aberta ata o día 31 de setembro.
María Meijide visitou o Festival de Cans hai tres anos e despois, e co aopio do certame, realizou varias estadías artísticas na aldea. O resultado de anos de traballo é 'O sur de Galicia parece de Hopper' (Cadernos de Cans). As obras retratan esa Galicia do sur, periurbana, e salferida de estradas e polígonos industriais. E fanlle unha chiscadela ás pinturas realistas do estadounidense Edward Hopper,(1882-1967): nos cadros do pintor norteamericano, a arquitectura e maila paisaxe conflúen nunha beleza industrial desvencellada e moi recoñecible.
A inauguración da exposición de María Meijide, especializada en pintura figurativa de formato grande e cadernos de viaxes, será a primeira actividade da semana grande do Festival de Cans, que se celebra entre o mércores e o sábado. O certame traballa na promoción do diálogo entre o cinema e outras disciplinas artísticas. De aí que organice estadías para creadoras e creadores na aldea, que xa deran resultados en anos anteriores coma o libro 'Cans', de Carlos Meixide. O seu autor volverá facer este ano un roteiro cinéfilo-literario pola aldea para o público do Festival. Será o vindeiro venres 3, ás 10,30 horas. Para participar nesta actividade de balde e cun aforo reducido a 20 persoas, é preciso inscribirse na tenda en liña do Festival de Cans: https://tenda.festivaldecans.com/.