Jesús Asorey: "En vinte anos a produción do mel descendeu case un 50%"
O voceiro da Asociación Galega de Apicultura afirma que a situación é peor na costa que no interior de Galicia
Ourense
O ciclo vital das abellas está vencellado ás estacións do ano. Polo menos así era até que o cambio climático alterou o clima. A ausencia do sol provoca a ausencia da flor, sustento destes animais. Ao mesmo tempo, o clima cálido en meses que antes non o era fai que as abellas se desorienten.
Jesús Asorey é voceiro da Asociación Galega de Apicultura e chama a atención sobre as diferencias que hai entre a costa e o interior de Galicia. Nas zonas costeiras, a perda de biodiversidade resulta nunha escasa colleita. Na provincia de Ourense, aínda que afectada polos incendios e a seca, a previsión é diferente.
Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela detectaba que a produción promedio de mel por colmea e ano estaba por 22 kilos de mel. Iso era en 1999 porque a tendencia actual mudou. Tal e como explica Asorey, "en vinte anos a produción promedio de mel descendeu case un 50%.
Agora ben, para facer balance da colleita a nivel xeral galego hai que agardar a mediados de setembro. Este mes de agosto será determinante para Ourense e o seu melato de carballo.