A historia da florencente actividade comercial de Nigrán con Roma a partire do século II a.C
A recente intervención subvencionada con 13.000 euros da Deputación de Pontevedra pon ao descuberto gran cantidade de ánforas romanas empregadas para importar viño, aceite, peixe en conserva

O alcalde de Nigrán en Chandeberito / Concello Nigrán

Vigo
O Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes de Chandebrito dan un paso máis na musealización do Castro da parroquia cunha terceira escavación xa a piques de finalizar e que foi subvencionada íntegramente con 13.000 € da Deputación de Pontevedra como parte das súas axudas para rehabilitar e sinalizar o patrimonio histórico-cultural.
Esta última intervención, que rematará esta mesma semana, confirmou un florecente comercio dos habitantes do Castro con Roma a partires do S.II a.C. habida conta da gran cantidade de ánforas romanas atopadas precisamente nesta muralla que se escavou (estes elementos cerámicos foron empregados como entullo). Entre os productos transportados máis habitualmente á península nestes recipientes figuran o aceite, o viño e o peixe en conserva. "Son ánforas estéticamente moi correntes pero que nos proporcionan unha gran cantidade de información incluso a nivel xeopolítico, porque a partires do S.II a.C. Roma pasa a ser potencia dominante fronte aos cartaxineses, algo que como podemos comprobar tamén tivo consecuencias nas relacións comerciais deste Castro, onde chegamos a atopar unha conta púnica moi anterior ao S.II a.C.", explica Darío, arqueólogo da cooperativa Árbore, quen sinala que tamén precisamente neste século II a.C. "hai evidencias de que os seus habitantes abandonan xusto esta zona para centrarse noutras". "Esta intervención complementa ás anteriores e ten un fin didáctico, ademais, demostra que un Castro é unha urbanización que vai cambiando co tempo a base de diferentes remodelacións, que non sempre foi igual", destacan desde Árbore, onde ratifican que foi habitado mínimo desde o S.VIII a.C. Entre os outros achados destacados desta exhumación sobresae un muíño circular de pedra e de uso manual empregado de maneira doméstica para facer fariña, este elemento formaba parte da muralla ao ser reutilizado para este fin polos antigos poboadores.
En definitiva, esta derradeira intervención permitíu restaurar un tramo de aproximadamente 110 metros cadrados de muralla localizados na terraza superior e que xa quedara parcialmente á vista nas escavacións promovidas desde o Concello no 2019 nos 58 metros cadrados lindeiros, onde se atoparon tres construcións diferentes e outras dúas murallas a maiores. Agora se apreciará mellor a natureza do Castro como recinto típicamente fortificado.
Adicionalmente, o goberno local consignou 11.000 € do remanente de Tesourería para a redacción dun proxecto que contempla a exhumación de 400 metros cadrados de terreo ubicado entre esta muralla e a seguinte inferior, o que permitirá deixar ao descuberto moitas máis estrututas (principalmente vivendas) e consolidar ambas fortificacións.
O Castro de Chandebrito foi oficialmente escavado no 2008 nunha pequena intervención que permitiu situalo como habitado entre os séculos VI a.C ao II a.C, sen embargo, unha nova investigación realizada no 2019 por Árbore Arqueoloxía a instancias do Concello de Nigrán amplía a ocupación do VIII a.C ao I d.C.