Redondela pon en marcha 'O cinema da Memoria'
Un ciclo de catro proxeccións ao abeiro do programa "Ano das Mullleres da Illa de San Simón

Cartel ciclo de cine / Concello Redondela

Vigo
Lembrar a escuridade da ditadura franquista para que tempos terribles como eses non se volvan a repetir e abrir o debate e a reflexión na sociedade redondelá sobre a defensa dos valores democráticos, son algúns dos obxectivos que busca o ciclo 'O Cinema da Memoria', iniciativa que se desenvolve dentro das actividades do Ano das Mulleres da Illa de San Simón.
O ciclo iniciarase o vindeiro 19 de xuño na Alameda Castelao de Redondela, coa proxección da película de Alejandro Amenábar, Mientras dure la guerra, que ofrece unha extraordinaria visión sobre os instantes críticos que lle tocou vivir a Miguel de Unamuno.
Xa o día 26 de xuño, no campo da festa de Reboreda, será a quenda de A lingua das bolboretas, a primeira das dúas proxeccións programadas baseadas en novelas de Manuel Rivas, xa que, para o 3 de xullo e na Alameda Rosalía de Chapela, está prevista a proxección de O lápis do carpinteiro.
O ciclo péchase co documental Aillados no campo de San Pedro en Cesantes, centrado na Illa de San Simón, lugar de encarceramento dos presos políticos do réxime franquista e que foi testemuña de episodios cargados de dramatismo, pola incerteza do destino desas persoas, e de heroísmo por parte das Mulleres da Illa, que foron quen de, con risco das súas propias vidas, tecer unha rede solidaria de axuda ás persoas encarceradas.
Todas as proxeccións terán lugar ás 22:30 horas e terán entrada gratuíta pero aforo limitado para garantir a seguridade sanitaria das persoas asistentes.
O ciclo O Cinema da Memoria, tal e como puntualiza a alcaldesa Digna Rivas, busca poñer o foco de atención sobre a necesidade de protexer o sistema democrático, “un sistema que garanta un estado social que protexa aos débiles fronte aos abusadores, que fomente a cultura, a educación en valores humanos e a liberdade dos pobos