Aulas Abertas para favorecer a conciliación durante as vacacións
Haberá 80 prazas e fixarase unha cota de 1,03 euros por día
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/UEW4HTWN3JJOJN2LMXWLNCQY4Y.jpg?auth=740934d2ccd4568fdec62df4b7e64565d998b9c2b50670fd98771d9fb3819789&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
O prazo para solcitar as prazas abrirase o 7 de xuño / Pexels
![O prazo para solcitar as prazas abrirase o 7 de xuño](https://cadenaser.com/resizer/v2/UEW4HTWN3JJOJN2LMXWLNCQY4Y.jpg?auth=740934d2ccd4568fdec62df4b7e64565d998b9c2b50670fd98771d9fb3819789)
Lugo
O Concello de Luqo quere faiclitar a conciliación durante as vacacións de verán, por iso volven as Aulas Abertas á cidade lucense. Un proxecto que, segundo a edil Olga López Racamonde, pretende "habilitar recursos públicos para as familias, favorecendo a súa organización durante as vacacións estivais mentres as súas crianzas desfrutan de momentos de lecer e socialización de forma segura".
As actividades terán lugar nos centros de convivencia da capital (Fingoi, Lamas de Prado, María Balteira, Uxío Novoneyra, Milagrosa e Maruja Mallo), así como nas escolas da zona rural, en horario de 08:30 a 14:30 horas e por quincenas: do 1 ao 15 e do 16 ao 31 de xullo e do 2 ao 13 de agosto e do 16 ao 31 dese mesmo mes.
"As e os máis pequenos poderán aproveitar estas xornadas para realizar, en grupos reducidos, xogos cooperativos e de psicomotricidade, manualidades, etc, recorrendo sempre que se poida, aos espazos ao aire libre da contorna e garantindo unhas condicións de sanidade e hixiene óptimas", abondou Olga López.
Solicitude
As persoas interesadas no servizo poderán presentar a súa solicitude dende o 7 de xuño até o 11. Haberá tres vías para formlaizar a petición: de forma presencial, solicitando cita previa co animador/a do centro, por correo electrónico, no enderezo aulasabertas@lugo.gal , ou mediante a sede electrónica www.lugo.gal
Poranse a disposición da cidadanía 80 prazas e adxudicaranse por onrde de solicitude. A cota fixarase nos 1'03 euros por día, mais o Concello contempla bonificacións do 50% para o/a segundo/a fillo/a, mentres que o/a terceiro/a quedará exento, "previa xustificación e sempre que os ingresos da unidade familiar ou de convivencia non superen dúas veces o IPREM do ano 2021, salvo situacións económicas sobrevidas", indicou a edil.
Con esta proposta, dende a área de Benestar pretenden "axudar ás nais e pais a compatibilizar mellor a súa xornada de traballo coa atención dos nenos e nenas, nunhas datas non lectivas nas que queremos ofrecer unha alternativa lúdica e tamén didáctica para que as e os cativos socialicen e compartan vivencias, sempre nun contexto seguro para eles e para as súas familias", concluíu Olga López Racamonde.
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo