Alba Cid: "Lin a Xela collendo libros da Biblioteca Nodal de Ourense"
O premio Nacional de Poesía Joven está a traballar en varios proxectos relacionados con Xela Arias

Xela Arias, homenaxeada nas Letras Galegas 2021 / Lois A.C. (Real Academia Galega)

Ourense
María Mariño, Rosalía de Castro, María Victoria Moreno e Francisca Herrera son as únicas escritoras que foron homenaxeadas nas Letras Galegas. A estas sumouse este ano Xela Arias, quen precisamente, era crítica co patriarcado. Ese sistema que invisibilizou ás mulleres tamén na literatura e que tivo o seu impacto no coñecemento que temos delas.
A ourensá Paloma de Toro, gañadora do concurso de microrrelatos da Real Academia Galega, recoñeceu que "é unha grande descoñecida para min até este ano, coa que non me axudaron a tropezar na escola".
Tamén Alba Cid, premio Nacional de Poesía Joven, recoñece que chegou a Xela tarde, "habería que agardar... eu coido que aos 18 anos" para que Cid se encontrara cunha lectura máis profunda da autora a través da Biblioteca Nodal de Ourense.
Por este motivo, e para quen aínda non o saiba, que para iso está esta celebración tamén, hai diversos materiais na rede, como o documental "Palabras esgazadas", producido pola Real Academia Galega. En Ourense, a Asociación Xuvenil Amencer, tamén se sumou á difusión da obra de Arias.
No acto celebrado pola RAG que tivo lugar en Vigo, en representación do Concello, estivo presente o tenente de alcalde Armando Ojea. Porén, o PSOE criticou que "o Concello de Ourense fora o único dos gobernos locais das sete grandes cidades galegas sen programación para celebrar o día das Letras Galegas".