Mos apoia aos seus escritores locais cun ciclo de presentación de libros
O ciclo comezará o vindeiro luns, 10 de maio, e prolongarase durante todo o mes ata completar o total de 4 autores mosenses protagonistas do ciclo. O último presentarase o día 27
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/KXDSF7UROFPKPO3OJYDWRKQPMY.jpg?auth=22def6f9ac0d10bdc09ac961af64066cae9e83203ff6c3dccbda4c6f5ad726bf&quality=70&width=650&height=650&smart=true)
Beatriz Cabaleiro / Concello de Mos
![Beatriz Cabaleiro](https://cadenaser.com/resizer/v2/KXDSF7UROFPKPO3OJYDWRKQPMY.jpg?auth=22def6f9ac0d10bdc09ac961af64066cae9e83203ff6c3dccbda4c6f5ad726bf)
Vigo
O Concello de Mos, a través da concellería de Cultura, organiza un ciclo de presentación de libros de autores locais, tanto de literatura infantil como para público adulto, titulado Mos coa lectura.
O devandito ciclo comezará o vindeiro luns, 10 de maio, e prolongarase durante todo o mes ata completar o total de 4 autores mosenses protagonistas do ciclo. O último presentarase o día 27.
A primeira das autoras será Miriam C. Leirós, natural da parroquia de Petelos, do barrio da Porteliña, que presentará o luns 10 de maio ás 18.00 horas na Biblioteca Municipal, sita tamén na Porteliña, o seu libro infantil ‘Los secretos de los cuentos clásicos (Archivos desclasificados)’ con ilustracións de Paloma Corral.
Continuando co público infantil, o segundo título do ciclo vai dirixido tamén aos máis pequenos. Trátase de Clover, unha porquiña diferente, autoría de Beatriz Cabaleiro que presentará a súa obra o 16 de maio ás 12.00 horas nos exteriores do Pazo de Mos.
Logo tocaralle o turno ao historiador e etnógrafo, veciño da parroquia de Dornelas, Javier Baquero, que tras dúas obras previas sobre historia de Mos, presenta agora un terceiro título co nome de ‘Aclaraciones históricas del ayer y hoy de Mos’. A presentación celebrarase o domingo 23 de maio ás 11.30 horas nos exteriores do Local Social de Dornelas.
Por último, Rosa Montenegro Bernárdez presentará no Centro Dotacional de Torroso a súa obra ‘El yo y sus metáforas’ o 27 de maio ás 19.00 horas.
Con esta iniciativa desde o Concello de Mos preténdese, segundo declararon a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, “apoiar e impulsar aos escritores locais, que son moitos e moi bos; ao tempo que fomentamos a lectura entre a poboación de todos os rangos de idade e promocionamos o consumo de cultura local”. “É un orgullo para esta administración local contar no noso municipio cunha veciñanza tan activa a nivel artístico e cultural, neste caso enfocada á creación literaria, o que demostra que somos un pobo inquedo e con iniciativa, algo que debe ser reforzado desde o Concello, de ahí que decidiramos organizar este ciclo de promoción e apoio”, expresaron as representantes municipais Arévalo e Cebreiro.