Sociedad | Actualidad
Ponteceso

O Plan de Obras e Servizos de Ponteceso salpica á Deputación

O líder dos díscolos do PSOE, Faustino Santiago, responsabiliza ao presidente da Deputación da ausencia de POS

Praza de Ponteceso / Google maps

Praza de Ponteceso

O debate sobre o Plan de Obras e Servizos da Deputación converteuse no detonante da última discusión entre os diferentes grupos políticos pontecesáns. Onte, o Concello acolleu un pleno extraordinario para tentar salvar un POS valorado en 758.000 euros. Ao remate da xornada Ponteceso continuaba sen Plan de Obras, os grupos políticos volvían a pedir a dimisión do alcalde e a lea política acababa sinalando a Valentín González Formoso, presidente da Deputación, como un dos responsables da caótica situación que vive a vila.

Ponteceso amenceu hoxe cos ecos dunha nova sesión plenaria inzada de reproches e sen solucións á vista. Os diferentes grupos políticos só se puxeron de acordo para pactar a petición dunha nova prórroga aos servizos xurídicos da Deputación para presentar un POS á maior brevidade. En palabras do alcalde, Lois García Carballido (PSOE), o pleno fracasou porque  "a oposición volveu bloquear a aprobación do plan. Tentamos mellorar o clima de entendemento no pleno sen entrar a ataques e reproches. A prioridade era evitar perder máis dun millon de euros da Deputación... non o conseguimos" . Segundo o rexedor, os concelleiros deberían explicar o motivo de "rexeitar o único plan de obras e servizos, algo que en palabras do presidente da Deputación é un suicidio político". Para García Carballido "os veciños e as empresas non entenden esa postura" e finalizou a súa valoración do pleno de onte mostrando a súa esperanza en que as negociacións cheguen a cristalizar nun pacto. "Tentaremos por activa e por pasiva que non se perdan os cartos", asegurou.

Distinta foi a valoración de Faustino Santiago. O voceiro dos edís non adscritos (ex do PSOE) sinalou ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, como un dos culpables da caótica situación que vive a vila. Segundo Faustino Santiago o de onte foi unha "nova parafernalia do alcalde no tema do POS". Considera que todo forma parte dun novo episodio dun rexedor "desesperado por xuntar cartos para, presuntamente, tapar algún desfalco que fixo e apoiado polo presidente da Diputación, que non entendo como o poden apoiar desta forma". As críticas contra o presidente da Deputación non quedaron aí, xa que para o edíl non adscrito "sacrifican o ben dun pobo por apoiar a él (Lois García Carballido) no poder. Buscan fortalecer o partido e o hai que buscar o fortalecer o pobo. O do presidente da Deputación xa é un descaro, só está a recaudar para o partido". Para os edís rebeldes, o que acontece co POS non é nada novo. "Perde subvención tras subvención", como a do Fondo de Compensación de 102.000 euros ou a das subvención de limpeza das cunetas... A xente ten que sabelo". Para Faustino Santiago, o problema que menos lle preocupa ao alcalde son as obras para os veciños. "O que quere son cartos... o POS é todo en cartos, as obras as pon en POS complementarios, que logo han de vir se cadra, que o ano pasado xa non viñeron". Precisamente as obras e a súa execución son outro motivo de crítica por parte dos non adscritos. "O Concello está abandoado, hai obras como en Pazos onde a uns veciños lle recolle as augas e a outros non. Só mira de pagar favores e comprar votos. Non ten xente que supervise as obras porque cesou ao concelleiro de obras, como nos cesou a cinco concelleiros...e mentres el na escola"  Cabe lembrar que Lois García Carballido retomou a súa actividade como docente logo de serlle retirada parte da súa adicacicón como alcalde. "Nin atende a escola... vai alí a usar o teléfono ao colexio. Se quere tanto a Ponteceso, que dimita. Así habrá POS, pero POS para facer obras, non para pagar favores".

Non aforrou críticas ao alcalde o voceiro do Partido Popular Daniel García Pose. "O alcalde sigue bloqueando o concello por aferrarse ao sillón. Cando un vai pola autoestrada e veñen todos os coches en dirección contraria, hai que plantexarse que igual o que vén en dirección contraria é un". Para os populares a solución pasa pola dimisión do rexedor. "O que ten que facer é botarse a un lado" asegurou García Pose ao tempo que enviaba unha mensaxe aos independentes: "a abstención de APIN non se entende. Estiveron gobernando co alcalde e xa a cabaron mal e agora parece que inda queren obter rédito político".

José Manuel Pose, número un de APIN, tamén pide a saída do alcalde. "Tense que dar conta que igual que asumiu que gañara por maioría absoluta, agora non ten os apoios suficientes no pleno e ten que cambiar de formas de actuar. Como non é capaz, a única opción que lle queda é apartarse e deixar que o resto leve a cabo unha rexeneración democrática. O alcalde chantaxea, menospreza... polo tanto non é alguén con que se poida dialogar. Estamos nun calexón sin saída. A única opción é que dimita".

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00