O Hospital Comarcal rexistra os peores datos da pandemia
Con 16 ingresados, nunca antes acadara esa cifra

Por primeira vez, o Hospital Comarcal acada os 16 ingresados pola COVID-19 / Fran Hermida

A segunda onda da pandemia está a ser máis severa cá primeira tamén na Costa da Morte. Nas últimas semanas medran os positivos na bisbarra e en consecuencia, tamén os ingresos hospitalarios. Nesta fin de semana o Hospital Comarcal ten 16 pacientes por coronavirus, unha cifra que supera o rexistro máximo durante o confinamento da pasada primavera. Daquela, o mes de abril comenzou con 14 doentes no centro sanitario.
A situación na bisbarra empeza a complicarse e unha simple ollada ao mapa de alertas así o demostra. Os positivos medran en case todos os municipios e a día de hoxe só os concellos de Fisterra, Corcubión, Carnota, Mazaricos e Dumbría permanecen ainda no nivel 0.
En nivel de alerta 1, entre 7 e 14 positivos nos últimos sete dias, están A Laracha, Coristanco, Camariñas e Muxía. Nun nivel por enriba, entre 14 e 21 positivos durante a última semana, atópanse Laxe, Zas e Cee. A alerta vermella (nivel 3 con máis de 21 casos) decretouse en Carballo, Malpica, Cabana e Ponteceso, este último novidade no informe de hoxe. Nese nivel 3 de alerta tamén está Vimianzo, concello no que se decretaron unha serie de restricións adicionais debido á gravidade da súa situación sanitaria. Segundo fontes sanitarias no concello soneirán superáronse os 160 casos activos.