Falece unha paciente ingresada por COVID no Hospital de Cee
O centro sanitario pasou de 7 a 12 ingresados por COVID na xornada do martes

Hospital da Costa da Morte en Cee / Cedida

Unha paciente ingresada por COVID no Hospital Comarcal faleceu esta pasada noite, segundo informan fontes sanitarias. Trátase dunha muller de 94 anos cuxo estado de saúde que empeorou na tarde de onte, falecendo a última hora do día. A vítima xa padecía patoloxías previas.
A expansión da COVID pola Costa da Morte é unha evidencia. Nas últimas semanas medran os casos na meirande parte de Concellos da bisbarra. Boa parte deles acadan o máximo de casos dende o comenzo da pandemia, un fenómeno que non só afecta a Vimianzo (epicentro da bisbarra). Na capital de Soneira os números xa apuntan a unha cifra superior aos 130 casos activos, pero o fenómeno á alza, inda que non nesa magnitude, é xeralizado.
No Hospital Comarcal non quedan á marxe desa tendencia.Nas últimas horas veñen de case dobrar a cifra de doentes ingresados por COVID-19, pasando dos 7 cos que comezou o martes aos 12 cos que rematou a xornada. Unha cifra que achega ao centro hospitalario aos seus peores rexistros. O pico máximo de ingresados está en 14 durante a primeira ola. A ese dato hai que engadirlle un matiz: os 14 da primeira onda producíronse en pleno confinamento, coa poboación nos seus domicilios e polo tanto con menores posibilidades de contaxio. Os 12 desta segunda onda xorden con menos restricións, co cal non se desbota que a cifra poida medrar nas próximas xornadas.