O confinamento impulsa os censos da Costa da Morte
Racha así unha tendencia continua á baixa. Carballo, A Laracha e Cee presentan os mellores números

Cee / Concello de Cee

A Costa da Morte vén de poñer freo á tendencia á baixa nos seus censos. A maior parte dos concellos experimentaron un aumento censal logo do confinamento sufrido durante a primavera. Que ningún consistorio perdese poboación nese período é un fenómeno sen igual ao longo das últimas décadas.
Dúas das poboacións máis grandes da Costa da Morte tiran do carro nesta suba. Carballo experimenta un incremento de 206 veciños dende o pàsado mes de marzo. Non é alleo a ese incremento A Laracha que, inda que obtén datos negativos no saldo vexetativo (máis defuncións que nacementos), vese favorecida polas altas de novos residentes. Prescindindo do dato dese saldo vexetativo (tal e como fixemos en todos os concellos), na Laracha hai 130 novos veciños, destacando os datos de parroquias como Vilaño ou Cabovilaño.
Cee é o concello que se ve máis favorecido pola tendencia alcista. Dende o pasado 14 de marzo gañou 79 habitantes, logo de sumar 111 altas por 32 baixas no mesmo período. O de Cee é un dos concellos que habitualmente neutraliza á baixada de habitantes na comarca, sumando habitantes mentres municipios da contorna ven como perden veciños ano tras ano.
O segundo posto do "podio" é para Cabana. O concello á beira do Anllóns aumentou en 72 o número de censados, experimentando 102 altas por só 30 baixas.
Malpica e Corcubión saen moi ben parados logo de experimentar 60 e 54 altas respectivamente dende o comenzo do confinamento. Especialmente chamativo é o caso do pequeno concello corcubionés. Un municipio con pouco máis de 1600 censados, experimentaría así un aumento porcentual significativo no seu padrón.
Os resultados son moi positivos tamén en vilas turístricas como é o caso de Fisterra (41), Muxía (40), Laxe (36) ou Camariñas (31). A resaltar tamén os datos de Vimianzo, o concello con maior movemento censal neste meses. Os soneiráns gañaron 134 veciños, na mentres que perderon 113, o que lles deixa un saldo positivo de 21 habitantes.
Con aumentos máis modestos figuran Carnota (17) , Zas (13) e Ponteceso (8), na mentres que Dumbría mantívose sen cambios no seu censo.
As causas desta tendencia son variadas. Por unha banda constátase unha tendencia a valorar a vida ao aire libre e as vivendas con espacios abertos ao redor. Nos últimos meses vense constatando un aumento nas ventas de vivendas desa tipoloxía en toda a bisbarra. Precisamente as deducións fiscais para primeira vivenda poden ser unhas das causas que expliquen este fenómeno. Algúns dos novos censados deron o paso para mercar unha segunda vivenda destinada "ao ocio, non á vivenda habitual" pero ao estar censados poden disfrutar das vantaxes fiscais ao considerarse primeira vienda. E por suposto, tamén os hai que temendo un novo confinamento apostaron por asegurarse un encerro lonxe do ámbito urbano.