Poucos policías e moitas praias para controlar
A vixiancia dos areais é unha competencia municipal e os concellos carecen de persoal para facelo

As carencias na policía local, problema engadido / Cedida

Non vai ser un verán calquera para ninguén e para as polícias locais tampouco. Acostumados a controlar o desenrolo do tráfico, vixiar queimas incontroladas ou evitar que os veraneantes aparquen sen control, os "municipais" van a engrosar a súa lista de tarefas nas próximas semanas. Evitar aglomeracións nos principais puntos de interés turístico, controlar o aforo das praias ou vixiar que se manteñan as distancias de seguridade das terrazas serán algunhas das súas novas funcións.
A "nova realidade" non chega nun momento doce a nivel de seguridade. Na bisbarra hai concellos con importante afluencia de turistas e que carecen de policía local, casos de Dumbría ou Corcubión. Noutros como o de Fisterra as xubilacións deixan un plantel reducido a dous efectivos, ao igual ca en Muxía. Outros coma Malpica recoñecen que cos tres axentes dispoñibles será imposible controlar a afluencia aos areais. En toda a Costa da Morte son 85 os policías locais que prestan servizo, se ben o Concello de Carballo xa agrupa a 30 deles. Serían polo tanto 55 policías os encargados de velar polo mantemento das medidas de seguridade en areais, terrazas, faros e demáis lugares de interés turístico.
Ante esta situación o alcalde de Fisterra, José Marcote, agarda que se poida artellar algún tipo de axuda para facer algunha contratación durante o verán, unha postura que secundan outros alcaldes da bisbarra. Uns alcaldes que tamén agardan máis información sobre a proposta de regular mediante códigos QR o acceso ás praias. Un proxecto que engadiría máis traballo ao xa existente na administración local.
Obviamente non serán só os policías locais os que xestionen a seguridade na bisbarra. Na Costa da Morte prestan servizo aproximadamente 140 gardas civís, unha cantidade que dende diversos ámbitos tense cualificado de insuficiente para tender ás necesidades da comarca.