O BNG denuncia a elección dun membro socialista para o posto de Conserxe
O pasado mes de setembro o bloque nacionalista xa denunciara publicamente que a convocatoria da praza de conserxe cun contrato para obra e servizo era ilegal e feita en fraude de lei segundo un informe da secretaria. Pero o goberno confiou no seu procedemento e levou a cabo dita convocatoria a través de diversas probas para acadar o mellor candidato.
"O rexedor fixo caso omiso, e levantou o reparo suspensivo de legalidade, seguindo adiante co expediente. Estes días, confirmáronse as nosas sospeitas, e seleccionaron ao candidato do PSOE nas eleccións municipais que ocupaba o número 5 da lista" destaca o comunicado do partido da oposición corcubionesa.
O voceiro, Lois Lado, considera que “a praza de conserxe debería incluírse na oferta pública de emprego, e convocala como praza fixa e non temporal, e facer unha oposición con plenas garantías, sen que exista a posibilidade de filtracións e con membros do tribunal que non foran nas listas do PSOE”.
Agora, dende o partido nacionalista galego, están estudando as posibles medidas que levar a cabo mentres mostran o seu descontento polo que consideran "artimañas do Alcalde para que os afíns do PSOE entren a traballar no concello".