Sociedad | Actualidad
O blog de Henrique Rabuñal

Votos galegos á esquerda do PSOE

A Coruña

Unha das fragmentacións que se van producir o 28A é a que se sitúa nese espazo á esquerda do PSOE no que queremos centrar a nosa análise. Até 1993 ese voto, fundamentalmente nacionalista, non conseguiu representación no Congreso nin congregar máis de 60.000 votantes. Entre 1996 e 2011 o BNG logrou sentar a dous ou tres deputados no Congreso coa adhesión de entre 185.000 e 300.000 electores. Nas eleccións de 2015 e 2016, o BNG volveu ás cifras das primeiras eleccións democráticas e quedou sen representación en Madrid. Nese espazo, En Marea logrou un rexistro histórico de 408.000 votantes e chegou aos 6 deputados sendo a segunda forza máis votada por diante do PSOE, algo insólito na nosa historia política.

En todos estes anos, os votos das galegas e dos galegos foron primeiro á UCD, logo moi repartidos entre AP e o PSOE, máis tarde cun dominio clarísimo do PP, dominio minguante desde 2008. Como se presentan as eleccións do 28A nese espazo político á esquerda do PSOE? Pois á división entre o BNG e En Marea súmase agora unha nova división no seo de En Marea en dúas faccións. A iso debemos engadir que ANOVA, actor político importante, non concorre ás eleccións e que algunhas das mareas municipalistas máis potentes, como a propia Marea Atlántica, decidiron unha posición neutral. Entre as tres forzas políticas poderían mobilizar entre 400.000 e 475.000 votos aínda que é previsíbel unha fuga de votos ao propio PSOE como contención útil á ameaza das tres dereitas que se entenderon en Andalucía.

O grupo de Luís Villares, En Marea, é un grupo reducido en apoios, consecuencia dos procesos de goberno interno do espazo. Distanciado dalgunhas mareas locais e de parte do seu plural sustento inicial, conta coa adhesión de diversas mareas locais como as de Lugo ou Pontevedra. Usa a súa presenza e notoriedade no Parlamento galego para impulsar unha candidatura que se propón defender os intereses da maioría social, ese ben común que tamén figura no ADN das outras forzas rivais. E para facelo sen subordinación ás forzas políticas estatais.

En Común-Unidas Podemos é a outra facción do espazo que foi común. Liderada por deputados con gran proxección, congrega no seu interior a Equo, Esquerda Unida e principalmente un Podemos que segundo as enquisas está en serio declive. Tamén perdeu unha parte da fortaleza que posuía.

Pola súa banda, o BNG oferta unha voz propia en Madrid, non subordinada a partidos de obediencia española e apelando á súa xestión nos concellos que goberna, nas deputacións nas que cogoberna e cunha militancia moi fiel.

Moitas dúbidas e demasiadas alternativas para ocupar un espazo no que conflúen moitos discursos a respecto de diversas políticas: industrial, educativa, laboral, sanitaria, lingüística, feminista, ambiental... Os votantes poden ter en conta tamén outras variábeis. Por exemplo, como combater mellor a ameaza dun goberno reaccionario que tamén actuaría contra o noso benestar e a nosa identidade.

As eleccións do 28A son, sen dúbida, moi determinantes para o novo e incerto ciclo político. Coa cuestión catalá en primeiro plano. Unha posíbel nova recentralización e a adopción de medidas regresivas para as empobrecidas clases traballadoras. O electorado deste espazo creo que sería máis partidario de menos división e de que se lle ofrecese unha opción potente e sumativa para mobilizar centos de millares de votos e defender da mellor maneira posíbel os intereses do noso país nas Cortes do estado. Pero entre as necesidades do electorado e as ofertas dos partidos ás veces hai unha distancia preocupante.

En pouco máis de dúas semanas teremos os datos. O electorado porá a cadaquén no seu lugar para os próximos catro anos. E todos tiraremos consecuencias.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00