Economia y negocios | Actualidad
O blog de Henrique Rabuñal

Do fracaso e da poesía

A Coruña

Os feitos acontecidos na Comandancia de Obras o pasado día 23 foron un fracaso e tiveron un resultado nin programado nin celebrado pola Marea Atlántica e o goberno municipal. Sepultaron todos os debates sobre a meritoria actividade desenvolvida pola Insumisa. Sepultaron a análise do innovador proxecto das Naves do Metrosidero. E pretenden esquecer todo o traballo desenvolvido nestes tres anos. Os debates admiten visións diversas e mesmo antagónicas e nun clima democrático de respecto penso que son estimulantes.

Ninguén que coñeza ás persoas da MA pode pensar que pretendeu facerse co control da vella Comandancia de Obras provocando persoas feridas malia que infelizmente houbo persoas feridas. E iso dóenos a todos. Eses feitos son motivo de tristura e de consternación para todos e desde logo cadaquén debe asumir as súas responsabilidades. O goberno, até onde sabemos, alimentou o diálogo, mesmo ese día fatídico, e estaba obrigado a recuperar e protexer ese espazo público facilitando que as persoas recuperasen as súas cousas. Non entraba nos seus plans ningunha carga policial e ningún ferido.

Para algunhas persoas non teñen valor as desculpas que pediron os concelleiros do goberno nin o comunicado da propia MA considerado por algúns excesivamente poético. A violencia tamén se exerce estes días contra as persoas da MA, cuxo local foi desbaratado na madrugada do 25 ao 26 de maio.

De maneira inexorábel, a vida segue e toca recompor pontes e procurar encontros. Recuperar un relato do que realmente aconteceu sen botar máis leña ao lume. Desactivar toda forma de violencia. Aprendermos todos do vivido. Facer cadaquén a autocrítica necesaria para superar un momento de enorme tensión, contradición e consternación. Celebrado coma sempre por quen ten menos que perder, por quen non se inmuta por nada. Por quen só ve posíbeis réditos electorais coa miopía da vella política.

É moi doado apuntarse a un relato de brocha grosa que celebre a destrución do local dun grupo político acusado de renunciar aos seus sinais de identidade e que bébedo de poder e moqueta perdeu o norte. Non me apunto a ese relato porque creo que simplifica e falsifica as cousas. Que pretende enganar e nalgún caso preparar o camiño para outro modelo de gobernanza.

Cando se alude á historia loitadora e democrática desta cidade, cando se apela á presenza nas rúas para reivindicar unha sociedade máis xusta e libre, penso tamén nas persoas desta MA e os seus concelleiros a quen algúns excomungaron inxustamente.

Eu creo na poesía. A busca da palabra máis acaída. Ese silencio que nos permite reflexionar e ver a luz. Condenar toda forma de violencia. Apelar á madurez e á responsabilidade. Repudiar a frase fácil. Ir máis aló, ao lugar do encontro das persoas que actúan de boa fe, que tamén cometen erros e que os recoñecen. Non é tan frecuente nos tempos que vivimos.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00