Sociedad | Actualidad
O blog de Henrique Rabuñal

Queremos galego

A Coruña

Hai uns, días no parlamento galego, o presidente da Xunta tivo unha moi desafortunada intervención a propósito da normalización lingüística. Como se o problema non fose con el e co seu partido que leva gobernando case de maneira exclusiva. Desentendéndose dos graves momentos que vive un idioma, o propio do país, aínda excluído de case a metade das escolas infantís urbanas ou reducido á insuficiente condición de materia noutras etapas educativas. Iso por non falarmos da perda de usos entre a xente máis moza das nosas vilas e cidades ou da porcentaxe mínima de cativos que aprenden a falar en galego.

Neste contexto, o anuncio da desaparición do Diario Cultural, da grella da Radio Galega, foi visto por millares de persoas como un síntoma máis do desprezo a un programa que conseguiu tecer unha vigorosa rede de visibilización de moitos axentes culturais que actúan en galego.

A miña experiencia confírmame que na sociedade galega hai unha plena disposición a acompañar pasos adiante en materia de normalización, pasos que a Xunta se nega a impulsar porque nesta como noutras materias vai moi por detrás e á marxe da sociedade que goberna. Demostrouno co decreto 79/2010 que mutilou un esperanzador proceso normalizador.

Están ben todas as festas e celebracións da nosa lingua e cultura ao redor do 17 de maio. O presidente da Xunta fará abstracción da súa práctica política e mesmo pode pronunciar discursos moi acaídos. Mellor faría en sumarse á demanda do país para consensuar unha nova política lingüística que permita recuperar e aumentar usos e usuarios, que comprometa recursos a prol do noso libro e literatura, que alicerce a rede de publicacións en papel e dixitais que usan o galego, que axude de verdade a estimular a presenza da lingua propia nos medios de comunicación, que estableza unha política efectiva da presenza do galego no sistema educativo desde a etapa infantil á universitaria. Que permita que a nosa cultura viaxe polo mundo.

Señor presidente: queremos galego! Querémolo de verdade. Querémolo xa. Faga caso ás institucións e aos colectivos que coñecen o asunto. Porque neste mundo global é visto como unha vantaxe sermos fieis e leais ao noso. E porque non hai nada máis noso nin valioso que esta vella lingua europea, orgullo e patrimonio de todas e todos nós.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00