Deputación e ABANCA renovan o Plan Activamos-Transforma Ourense
Este programa de crédito realizou nos seus primeiros tres anos máis de 2.600 formalizacións entre familias, autónomos e pemes ourensás.
![](https://cadenaser.com/resizer/v2/UQL3JDYHGBMCZAEX6BIWZBWUMM.jpg?auth=c508fbae34d85c6c2fe82ce4c728cb382d5d4bfedfc969db3a05c0d75d762c18&quality=70&width=650&height=487&smart=true)
Na imaxe de esquerda a dereita: o director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra, o presidente da Deputación, José Manuel Baltar e o o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa. / Deputación de Ourense
![Na imaxe de esquerda a dereita: o director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra, o presidente da Deputación, José Manuel Baltar e o o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa.](https://cadenaser.com/resizer/v2/UQL3JDYHGBMCZAEX6BIWZBWUMM.jpg?auth=c508fbae34d85c6c2fe82ce4c728cb382d5d4bfedfc969db3a05c0d75d762c18)
Ourense
A Deputación de Ourense e ABANCA dan un novo impulso ao seu programa conxunto de financiamento, o “Plan Activamos–Transforma Ourense”, coa sinatura deste acordo de colaboración, asinado entre o presidente do goberno provincial, José Manuel Baltar, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, un novo convenio de colaboración que gaña en capacidade e impulso do desenvolvemento económico e social de Ourense. No acto, no que tamén participou o director territorial da entidade bancaria en Ourense, Rubén Saavedra, púxose de manifesto a consolidación desta iniciativa, creada polas dúas entidades en 2014 e que pecha a súa terceira edición como unha peza relevante na inxección de crédito a pemes, autónomos, familias e corporacións locais da provincia de Ourense.
O Plan Activamos–Transforma Ourense mantén o impulso na achega de crédito ás iniciativas que se xeran na provincia. O programa formalizou desde a súa creación un total de 2.627 operacións cun importe global de 77,7 millóns de euros. Máis de nove de cada dez euros concedidos por este programa destináronse a pemes e autónomos, que supuxeron 2.503 formalizacións por un importe global de 72 millóns. Desta cantidade, o plan concedeu 35 millóns a atender ás necesidade de circulante das pemes e autónomos, 29 millóns a acometer novas inversións, 6,3 millóns ao emprendemento, 0,9 millóns á creación de emprego e 0,4 millóns á mellora enerxética.
As corporacións locais tamén se beneficiaron do Plan e neste período formalizáronse un total de 33 operacións por un importe total de 4,7 millóns de euros. Este financiamento reverte directamente nos veciños destes municipios grazas á posta en marcha de proxectos dirixidos a mellorar os servizos.
As liñas de financiamento para familias do Plan Activamos-Transforma Ourense permitiron a inxección de preto dun millón de euros en crédito na provincia, principalmente para financiar pequenas obras de mellora enerxética no fogar e actividades de formación. O importe medio destes préstamos foi de case 11.000 euros.
Novidades
As principais novidades do plan son o incremento dos límites das liñas para pemes e autónomos, que se duplica ata os 200.000 euros, e a creación dunha nova modalidade para familias que queiran rehabilitar vivendas en contornas rurais.
Esta nova edición mantén unha ampla oferta de produtos adaptada ás necesidades dos distintos colectivos, así como tarifas competitivas ou condicións máis flexibles e vantaxosas. Un ano máis, aposta por eliminar as comisións máis habituais, introducir amplos prazos de amortización e ofrecer carencias en aquelas modalidades nas que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.
O Plan inxectou máis de 500 millóns no tecido produtivo de toda Galicia desde a súa posta en marcha en 2014. Trátase dunha iniciativa que financia a pemes e autónomos na posta en marcha de proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos, creación de emprego, actuacións de mellora enerxética nos seus negocios e tamén cobre necesidades de circulante. Para as familias, ABANCA oferta a través deste programa de financiamento préstamos para a dotación de equipamento tecnolóxico, realización de actividades de formación, reformas no fogar que contribúan á mellora da accesibilidade ou a eficiencia enerxética, adquisición de vehículos eficientes e a rehabilitación de vivendas en contornas rurais. Finalmente, as corporacións locais poden optar no marco deste programa a préstamos para acometer pequenos investimentos municipais e necesidades de tesourería, sen esquecer que teñen a súa disposición avais e liñas de confirming con tarifas especiais.