Sociedad | Actualidad
O blog de Henrique Rabuñal

A Coruña metropolitana

A Coruña

Aínda que o momento político está cheo de deslealdades e ameazas moi serias, cos chamados concellos rebeldes no albo de non poucas manobras, non podemos deixar de celebrar a chamada “Declaración de María Pita” (pode lerse aquí https://www.coruna.es/descarga/1453604302923/20-10-16-Documento-Declaracion-de-Maria-Pita.pdf) que pretende impulsar a creación da Área Metropolitana da Coruña ao abeiro da Lei de Bases de Réxime Local e da Lei de Administración Local de Galiza.

Será o parlamento galego que acaba de se constituír a institución que deba desenvolver e satisfacer a vella demanda dunha comunidade que xa vive en clave metropolitana pero que aínda non ten a estrutura, os recursos e a gobernanza que agora se reclaman.

A “Declaración de María Pita” é, como texto, un texto moi ben construído que establece como pauta de actuación a cooperación, o consenso, a colaboración e o diálogo e que conta coa aprobación de concellos gobernados por partidos de diferente cor pero comprometidos en resolver problemas estratéxicos e comúns. Desde o urbanismo á mobilidade e o transporte público, deste as infraestruturas portuaria e aeroportuaria a un catálogo de servizos intermunicipais. Desde a política da auga e dos residuos até a participación cidadá.

O Partido Popular debe xogar un papel determinante na tramitación dunha Lei que ten que establecer competencias, composición, financiamento e estrutura da Área por constituír. Xogando á vella e noxenta política de luces curtas, ese Partido ordenou aos seus alcaldes non asistir á presentación do texto e o presidente da Xunta, nun exercicio de partidismo tan inaceptábel como preocupante, só acertou a ver a iniciativa como unha cortina de fume sobre os problemas do goberno municipal coruñés.

A cidade estado defendida desde María Pita tan esterilmente durante décadas nin existe nin existiu nin existirá. Abegondo, Arteixo e Carral son imprescindíbeis para dar os primeiros pasos xunto ao resto de concellos que apoian a iniciativa. Non falamos dunha cuestión nin menor nin partidista. Falamos de resolver en boa lei unha demanda de centos de millares de persoas que producen unha parte moi substancial da riqueza creada en Galiza. E que pretenden vivir mellor, coordinada e civilizadamente. E esa demanda resultará imparábel porque as luces curtas nin o Partido Popular poderá levalas perennemente postas.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00