Convenio para mobilizar vivendas baleiras e adicalas a alugueiro social
Ourense foi o primeiro concello de Galicia en solicitar a súa adhesión a este convenio, froito da colaboración entre o IGVS e a FEGAMP no ámbito do Plan Galego de Rehabilitación, Aluguer e Mellora do Acceso á Vivenda 2015-2020

Ourense foi o primeiro concello de Galicia en solicitar a súa adhesión a este convenio, froito da colaboración entre o IGVS e a FEGAMP no ámbito do Plan Galego de Rehabilitación, Aluguer e Mellora do Acceso á Vivenda 2015-2020 / Xunta de Galicia

Ourense
O Concello de Ourense e a Consellería de Vivenda asinaron un convenio para mobilizar vivendas baleiras e adicalas a alugueiro social. Previamente, o texto fora aprobado en Xunta de Goberno extraordinaria. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salientou a importancia deste convenio polo seu fondo compoñente social e de axuda aos colectivos máis vulnerables.
O convenio é froito dun convenio de colaboración entre o IGVS e a FEGAMP no ámbito do Plan Galego de Rehabilitación, Aluguer e Mellora do Acceso á Vivenda 2015-2020. Mobilizará inmobles desocupados coa fin de destinalos a atender as necesidade sociais en materia residencial. O de Ourense foi o primeiro concello de Galicia en solicitar adherirse a este convenio, tal e como sinalou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez.
Estas vivendas adxudicaranse a persoas vulnerables de xeito compatible con outras axudas públicas. Será por un máximo de 36 meses, tal e como explicou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez.
Destinatarios (unidades familiares):
Afectadas por procedementos de execución hipotecaria
Afectadas por un procedemento xudicial de desafiuzamento por impago
Con fillos menores, familias numerosas e monoparentais con fillos
Con mulleres vítimas de violencia de xénero
As vivendas incorporadas ao programa serán adxudicadas aos demandantes que cumpran os requisitos establecidos no convenio. Será o Concello de Ourense quen establecerá o procedemento de selección de arrendatarios e de adxudicación respectando, en todo caso, os requisitos e prioridades sinalados no convenio coa Fegamp.
Tipos de vivendas que se poden incorporar ao programa:
Desocupadas
Libres (sen limitacións para ser arrendadas)
Con condicións mínimas de habitabilidade
Dadas de alta nos subministros básicos (auga, gas, electricidade)
Con instalación de auga quente, con cociña equipada e electrodomésticos básicos
Requisitos para o acceso a estas vivendas:
Ter uns ingresos anuais entre 1 e 2,5 veces o IPREM. Excepcionalmente, poderá exceptuarse do cumprimento de acreditar o límite mínimo de ingresos cando se trate de colectivos prioritarios para os que este prevista a adxudicación directa. En todo caso, se deberá acreditar no expediente de adxudicación a percepción duns ingresos económicos mínimos ou de axudas, públicas ou privadas, que lles permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de arrendamento. A modo orientativo, a renda que debe aboar o inquilino, non debe ser superior ao 30% dos seus ingresos.
- Non ter a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia unha vivenda en propiedade,
- Atoparse nunha situación persoal ou familiar que supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda de alugueiro no mesmo municipio.
- Non ter parentesco coas persoas arrendadoras.
- Deberá quedar acreditado o grado de integración social.
Selección de inquilinos e adxudicación de vivendas:
O Concelllo establecerá procedemento baixo criterios de publicidade, concorrencia, transparencia e obxectividade.
Tamén valorará a máxima adecuación das vivendas ás preferencias, características e composición da unidade familiar.
Adecuación da renda do aluguer co nivel de ingresos.
Poderán exceptuarse as vivendas que se destinen a satisfacer necesidades específicas e urxentes de vivenda, en situacións de emerxencia.