Un ano de gobernos municipais
A Coruña
Nas eleccións municipais de hai un ano agromaron no conxunto do estado e tamén no noso país gobernos en cidades, vilas e concellos máis pequenos que contiñan algunhas das claves do novo mapa político. Non viñan do nada, eran consecuencia lóxica de moitos prólogos, de moitos labores, de moita rúa. De moita acupuntura política. Xubilaban ou reducían o espazo da vella política e incorporaban á vida pública novos códigos, novas formas, novas ferramentas. A nivel de estado o caso de Barcelona foi e é en moitos sentidos paradigmático.
Estes gobernos das chamadas cidades rebeldes colleron co pé cambiado a moitas persoas e estruturas que crían que a democracia era un bocexo sen fin, un reality tras outro esquecendo a crúa realidade de millóns de persoas, unha restra de casos de corrupción sen fin que nunca terían consecuencia.
A nivel galego o caso coruñés, cun goberno en minoría da Marea Atlántica, suscita non só curiosidade senón que se está convertendo nun actor moi valioso e estratéxico na política galega debido a varias razóns: goberna un concello dun cuarto millón de habitantes, é mostra inequívoca de pluralidade e confluencia, practica a innovación metodolóxica e está sustentada nunhas estruturas nas que participan varios centos de persoas.
Na Coruña foron doce meses moi esixentes con partos tan complexos como o orzamentario, de aprendizaxe por parte dos novos concelleiros e concelleiras e de mudanzas en moitas ordes da vida pública local. Nos micrófonos de Radio Coruña tivemos ocasión de comentar a xestión do goberno de Xulio Ferreiro e na comparativa co anterior goberno do PP e coa envelenada herdanza que deixou o vazquismo, a avaliación resulta moi positiva. E moi prometedora. O que ten máis valor por xestionar até agora con orzamentos alleos. Tamén a oposición ficou moi retratada nestes doce meses. Uns por non superaren a rabia de perderen a maioría absoluta. Outros por xogar a unha perigosa concordancia con quen dicían non querer nin tomar café.
O goberno municipal aprendeu moito nestes doce meses, coñece perfectamente a pulsión da cidade e todas as esferas de influencia e de poder. De necesidades e de posibilidades reais de intervención. Traballará cuns orzamentos consensuados e moi participados. Se nun ano a Marea cumpriu un terzo dos seus compromisos, se a metade do programa está encamiñado, daquela a xente que votou este cambio referendado polo pleno no seu día ha estar satisfeita.
Xulio Ferreiro: “Nun ano, cumprimos o 35% do programa, e temos outro 50% xa en marcha” “A verdade é que é un balance bastante bo, sobre todo se o comparamos co do anterior Goberno local, que só acadou un grao de cumprimento do 15% do seu programa en toda a lexislatura”, reflexionou Xulio Ferreiro. “Neste tempo fixéronse cousas moi importantes, moitas dunha gran carga simbólica, e outras moi necesarias en si mesmas, como é o caso do saneamento da cidade”, comentou Ferreiro.
Seguramente o equipo de goberno cometeu erros, moi amplificados xa por rivais políticos e mediáticos, pero non se pode discutir nin a entrega nin a enerxía consumida en virar o rumbo dunha cidade moi necesitada de defender xa non só novos códigos de gobernanza, máis democráticos e participativos, senón o tan cacarexado ben común na Maestranza, no porto interior, na Intermodal, en Someso, no Conde de Fenosa, na Solana, en tantos lugares.
Ninguén discute que estamos nun novo ciclo político debido ao acontecido no ámbito municipal. Agora toca visibilizar a profundidade desa mudanza primeiro no ámbito estatal nas eleccións deste mes e xa no outono nas eleccións galegas que deben inaugurar no Hórreo unha nova etapa.