As primeiras obras de posta en valor da Ponte Vella estarán rematadas en verán
A Axencia Galega de Infraestruturas destinará 300.000 euros a reparar a calzada e a instalar sistemas de iluminación led

Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, y Ethel Vázquez, conselleira de infraestructuras / Xunta de Galicia

Ourense
A primeira fase vai centrarse no pavimento e na iluminación: novas tecnoloxías para unha infraestrutura que leva en pé máis de 2.000 anos. A maiores do máis vistoso, a ponte verase reforzada na súa estrutura, caso dos piares e dos arcos, así coma en toda a contorna . Estas tarefas suporán un investimento por parte da Consellería de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) duns 300.000 euros e contan cun prazo de execución de tres meses, polo que estarán finalizados este verán.
O cambio da iluminación actual será a acción máis destacada desta fase inicial dos traballos, xa que servirá para realzar a monumentalidade da estrutura da ponte, posto que se optará por medios de iluminación con leds de máxima tecnoloxía, un sistema que permitirá aforros no consumo enerxético e contribuirá a reducir a contaminación lumínica, ao eliminar os grandes focos que proxectan a luz cara os lados da ponte.
Na calzada, procederase á reparación da vía, igualando o pavimento e empregando como único material o bloque de pedra e substituirase a capa de formigón dos apartadoiros e pavimentarase o único treito en terra existente. Como medidas complementarias, eliminaranse os graffitis pintados na infraestrutura e nas edificacións anexas, ademais retirarase o mobiliario urbano e outros elementos engadidos á fábrica da ponte.