Política | Actualidad
O blog de Henrique Rabuñal

Orzamentos en María Pita

A Coruña

A vida política coruñesa sublímase cando hai pleno. Visibilízase entón o estilo e a estratexia dos diferentes actores. Das tres formacións que concorreron ás eleccións anunciando mudar as políticas do grupo popular cóubolle á Marea Atlántica a responsabilidade de gobernar a cidade. A tarefa nunca pareceu doada porque goberna unha cidade con moitos problemas herdados e con moitos asuntos mal encamiñados que cómpre revisar como o convenio que afecta aos terreos desafectados do porto. O grupo socialista leva case un ano sen atopar o seu sitio. Cada vez que pon en problemas ao goberno dálle azos a un Partido Popular para quen é rendíbel todo o que debilite ao equipo de Xulio Ferreiro aínda que de paso se lesionen os intereses da cidade. Pola súa parte, a única concelleira do BNG ten moi difícil preservar un espazo propio se por acción ou omisión se suma ao acoso dun goberno de cambio efectivo avalado por 37.000 persoas.

Nos últimos días a cidade vive un debate sobre os Orzamentos para este ano que nestes momentos están en fase de reclamacións. Polo que sabemos as formacións do bipartidismo introduciron unhas emendas que poden producir dúas consecuencias bastante graves. A primeira obstruír a acción do goberno. A segunda rebaixar moi considerabelmente as partidas destinadas ao IMCE, ao Consorcio de Turismo, aos proxectos de Rexeneración Urbana, ás políticas de Participación Cidadá, a Medio Ambiente e a Economía Social.

Tanto o PP coma o PSOE gobernaron a cidade con maioría absoluta e saben os obxectivos que perseguen coas emendas. Entre outros anular as iniciativas do BNG. O grupo socialista renunciou a emendar de maneira construtiva e dialogada, en forma e tempo e aínda así algunhas propostas do seu programa foron incorporadas ao proxecto orzamentario. Cónstanos que entre as bases socialistas ven con moi malos ollos o que de facto supón unha alianza coa dereita que se quería derrotar.

A poucos meses dunhas eleccións autonómicas e cando se dan como inevitábeis outras eleccións xerais, sería moi estimulante que se abrisen marxes de concordancia entre aqueles partidos que se din defensores do ben común. Das palabras de Abel Caballero tampouco se desprende ningún ánimo de sintonizar coa nova política nin de respectar aos seus rexedores. Vistas así as cousas o panorama non parece nada alentador. Para nós, o goberno de Ferreiro fortalécese por primar os intereses e funcionamento da cidade nos Orzamentos para 2016. Os socialistas deben medir moi ben as súas accións para non parecer que era falso o seu intento de modificar as políticas máis nocivas que encarna o Partido Popular. E para non seguir perdendo na cidade o apoio do electorado.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00