Xunta e Concello inician nos vindeiros días as obras de Marcelo Macías
As obras, que durarán ao redor de tres ou catro semanas, obrigarán a cortar un carril ao tráfico en sentido saída de cidade

Zona de actuación na rúa Marcelo Macías / Xunta de Galicia

Ourense
A beirarrúa no primeiro tramo da rúa Marcelo Macías, desde a súa confluencia con Progreso ata a ponte sobre La Molinera -135 metros- será renovada grazas á colaboración entre o Concello de Ourense e a Consellería de Infraestruturas. Os traballos de mellora, que comezarán nos próximos días e durarán entre tres ou catro semanas, consistirán na substitución das canalizacións de saneamento e abastecemento, actualmente de fibrocemento, e a renovación da beirarrúa, unha vella demanda veciñal.
O importe desta actuación será de 22.000 euros, asumidos polo departamento de Ethel Vázquez xa que a OU-540 é estrada autonómica, unha circunstancia que foi destacada polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen destacou a boa sintonía entre as dúas administracións para traballar a prol dos veciños. As obras comezarán coa marcaxe da beirarrúa esta mesma semana, paso previo ao inicio das actuacións, e na zona haberá operarios traballando mañá e tarde para intentar axilizar a obra e causar as menores molestias tanto aos veciños coma aos vehículos que transiten en sentido saída da cidade desde o Xardín do Posío.
As obras no tramo obrigarán a cortar un carril da circulación ao tráfico e habilitalo para paso de peóns. Porén, o tráfico non sufrirá variacións e será debidamente sinalizado. O Concello aproveitará tamén a intervención para colocar dous novos puntos de luz en Marcelo Macías para mellorar a visibilidade, facendo caso das indicacións dos veciños.