Coa música para Xapón
A Coruña
Saíu o sol, pero morreu o Antroido. Ai! a Coresma. En lugar de silencio e introspección estas datas tráeme imaxes de música e aventuras.
Permítanme que un ano máis, en favor da xente nova, rememore unha gran epopea, moi esquecida, dos músicos da Coruña. Na ditadura, por mandato de Monseñor Quiroga Palacio, arcebispo de Santiago, xusto por estas datas pechaban todas as pistas de baile até o día de Pascua Florida, no remate da Semana Santa. Moito silencio. E case dous meses de paro forzoso para vocalistas, instrumentistas e artistas varios.
Houbo que marchar pois coa música ao outra parte. Chegaron lonxe: Francia, Alemaña, Finlandia…O pioneiro, Chemari, despois, durante moitos anos, tenor na coral El Eco. Co seu grupo os Celtas da Coruña, abriu o camiño. Por ese mesmo rego, Los Españoles, o grupo do batería Candelas, o fillo do Ferreiriño de Orto. Ou Los Mayorales de Alvarito Pita.
Europa reclamaba tópicos hispánicos e furor toureiro. Os fillos destas Mariñas, aínda que nunca bebesen fino, aprenderon a dicir olé.
España nacional católica/ bohemia cosmopolita. Contraste brutal. Ano 57, debut africano dos Tamara, no casino de Tánxer. Os ensaios ben. No medio da actuación aparecen unhas bailarinas cos peitos ao aire. O máis novo, tiña 17 anos, comezou a berrarlle aos compañeiros: pero ti, viches?! Non foi quen de tocar. Ao día seguinte puxéronlle un pano diante, e en Tánxer comezou a carreira de trunfos do mítico conxunto noiés.
Chiné, trompeta, de Berducedo, debutou tamén lonxe da casa, foi cos Magos de España, nunha sala de Hamburgo. No local do lado actuaban uns rapaces ingleses. Chamábanse os Beatles. O batería sempre quería tocar cos galegos, pero nunca o deixaron, dicían que era un “escacha baquetas”. Diáspora prodixiosa. Un loitador de sumo, moi famoso, escoitou en Estados Unidos os discos que Los Españoles gravaran en Francia. Tan fan se fixo, que non acougou ata levar o grupo do Ferreiriño, á súa terra, Xapón. E o trunfo oriental abriu camiño a outros grupos destas Mariñas. Sempre o conta Alvaro Pita, Alvarito, mestre dos Castros.
Actuaba, con Los Mayorales, nun Hotel de Xapón. Unha semana antes estivera alí o grupo de Candelas. O encargado díxolle que lle deixaran unha mensaxe, co mandato expreso de que lla lese el directamente. Era un recado de Lito de Sada. Dicía textualmente, desculpen a expresión, pouco propia, pero de gran valor documental: vai tomal polo cu!!
Momento coruñento. Insisto, abenzoada cidade esta onde até a mesmo coresma resoa con música en galego-xaponés.