Abarrote no Parrote!
A Coruña
Velaí unhas das expresións proverbiais, sinónimo de fecundidade e fartura, que mellor nos define, cando a pronunciamos, como integrantes redondos da tribo coruñenta.
Abarrote no Parrote !
Moi ben, mais de onde procede?
Home abarrote no Parrote vén de…xa o di o nome, de…abarrote do Parrote. Ou sexa, nin flores.
Hai uns días, Carlos Suárez (mariscador e mariñeiro de baixura no Mar de María Antonia, e un dos grandes impulsores da recuperación da noticia do Antigo Gremio de Mareantes) explicoume a vizosa etimoloxía desta expresión.
Abarrote no Parrote, porque alí, no seo mesmo do porto da Coruña, había un gran banco marisqueiro, farturento en ameixa e berberecho. Teno ben documentado, mollou a canela alí de rapaz.
Banco marisqueiro no Parrote, uah neno, imposible!, dirá a xente nova. Banco marisqueiro no Parrote ! home, pois tes razón, dirán rabuñando nas súas lembranzas os da miña quinta.
Outra proba máis da amnesia que na que vivimos.
O mar, a nosa principal industria, a dar vida, e postos de traballo, no centro mesmo da cidade.
Factoría da natureza que nos entregaba produtos en clave de excelencia, ameixas e berberechos, eses que son os mellores do mundo, aquí e no mellor restaurante da banda de Nova York.
Abarrote no Parrote, a construción en 1984 do Peirao do Centenario mudou as correntes e acabou con tanta fartura, así o indica o propio Carlos Suárez. Como a construción da Dársena e a neopraia de Oza, variou tamén as correntes, e está a acabar co marisco na ría. Esa factoría prodixiosa que chegou a manter dous mil postos de traballo, convertida agora –vertidos e desleixo- nun triste sumidoiro.
Estamos en tempo electoral. Tempo farturento, en promesas.
O pasado e o futuro, dixo o poeta. Oxalá que as palabras de antes, sirvan para superar esta amnesia sobre nós mesmos que nos atrusa, e sexan porta para mellores días. Oxalá volvan volver os tempos do abarrote no Parrote!