Unanimidade arredor de Rosalía
O PPdeG secunda a declaración da Mesa pola Normalización que pide "unha nova etapa de normalidade para o galego"
Santiago de Compostela
En febreiro de 2009, a plana maior do PPdeG —agás Feijóo, de precampaña en Arxentina—sumábase á manifestación convocada por Galicia Bilingüe baixo o lema "Libertad para elegir" coa que se denunciaba unha suposta imposición do galego, paralela ás críticas á inmersión lingüística impulsada polo tripartito catalán de Montilla e Carod-Rovira. Ana Pastor e Alfonso Rueda encabezaron a protesta xunto a Gloria Lago, Rosa Díez e un semidescoñecido Albert Rivera. Aquela marcha inaugurou o desencontro entre os populares e os defensores da lingua, unha separación que se fixo maior tralo coñecido como Decreto do Bilingüismo ou as enquisas aos pais para decidiren a escolarización dos seus fillos.
Hoxe, seis anos e medio despois, cando se conmemora o 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, o PP volveu ao consenso ao sumarse, xunto a outras sete forzas políticas, á "Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega" promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, a organización máis belixerante coas políticas lingüísticas da Xunta de Feijóo.
"É preciso abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega, coa implicación de todos os sectores, afirmando conxuntamente a nosa intencióin de aplicación, mellora e introdución de todo canto for preciso para garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguir para el verdadeira igualdade e oficialidade real". O manifesto pide que se tome como "punto de partida" os acordos "comúns e amplos" establecidos na Lei de Normalización Lingüística ou no Plan Xeral de Normalización de 2004; acordos que A Mesa considerou rotos polo executivo popular.
"Os acordos deben ser cumpridos, se houbo vontade para tomalos, debe habela para cumprilos e para esixirmos respeto por todos os compromisos adquiridos e a palabra dada". Así falaba o presidente da entidade, Marcos Maceira, ante a estatua de Rosalía na Alameda compostelana. O representante do PP, o deputado Agustín Baamonde, recollía o reto citando á autora de Cantares Gallegos. "Se somos capaces de facer que o galego alumee en todas as casiñas, en todos os lares, en todos os fogares de Galicia, non hai onciña de ouro que o pague".
"É a nosa responsabilidade", engadía Baamonde, antes de lembrar a Álvaro Cunqueiro, hoxe en entredito polo goberno de Ahora Madrid polo seu pasado franquista. Como o creador de Merlín e familia, asegurou que "hai a patria da terra e a patria da lingua; o que nós desexamos e que, na Patria das Linguas, ninguén sexa estranxeiro en Galicia".
Ao acto asistiron a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela; o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence; o secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Riobóo ou o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña, de CxG, xunto a representantes de ANova, EU, Cerna, Alternativa dos Veciños o Coalición Galega. O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, valorou o acto de hoxe coma "un xesto simbólico" pero considerou que, tras el, "hai algo na sociedade que nos fai camiñar cara un horizonte de unidade".