A Deputación destina 30.000€ á Federación de Comercio para contribuír ao impulso dos 5.500 negocios da provincia
Este convenio enmárcase no "espazo de colaboración entre o público e o privado que quere aproveitar" o organismo "para favorecer o progreso social e económico" da sociedade lucense
Momento da sinatura do convenio de colaboración
Lugo
A Deputación de Lugo ven de asinar o seu compromiso co mantemento da oficina técnica de información e asesoramento ao comercio da provincia. A institución provincial achega ao colectivo un total de 30.000 euros para contribuír "ao impuldo de máis de 5.000 negocias da privncia lucense".
Tomé Roca salientou nesta recunión con representantes da Federación de Comercial a importancia de colaborar con entidades coma esta para dinamizar o tecido produtivo e apoiando as iniciativas de sectores que xeran riqueza e postos de traballo. “Este convenio enmárcase nese espazo de colaboración entre o público e o privado que quere aproveitar esta Deputación para favorecer o progreso social e económico da nosa provincia. A aportación que facemos verá multiplicado o seu efecto a través das súas iniciativas”, subliñou o Presidente.
Lembrou o mandatario provincial os difíciles momentos que atravesa o sector a raíz da pandemia da Covid-19 e a guerra de Ucraína que trouxo sobrecustos ao seu día a día, ademais de incertezas e preocupación na sociedade. Pon o foco na importancia de estar ao carón do comercio local porque “desenvolve un traballo fundamental no sostemento económico da nosa provincia polo que é necesario que as administracións públicas e as asociacións profesionais traballemos xuntos para favorecer a actividade comercial”.
Pola súa banda, o Presidente da Federación de Comercio amosouse moi agradecido por renovar este convenio que serve para “garantir o soporte e a cobertura á estrutura da Federación Galega de Comercio, reforzando as actuacións realizadas na provincia de Lugo, que son moi necesarias para a recuperación do sector comercial lucense que aínda arrastra as consecuencias da pandemia da Covid-19, que agora se ven agravadas polo incremento dos custos da luz, carburantes e materias primas”.
Asesoramento técnico aos negocios
A oficina técnica da Federación Galega de Comercio ten a súa sede en Lugo, na Ronda da Muralla, e conta no seu cadro de persoal con sete técnicos e un administrativo que realizan tarefas técnicas, de xestión e administrativas relacionadas cos servizos que presta o colectivo. Asesora a máis de 5.500 establecementos da provincia.
Entre as funcións que desenvolven nesta sede destacan o asesoramento legal en canto á normativa vixente aplicable ao sector, asesoramento na xestión e tramitación das reclamacións, información e tramitación de subvencións públicas, preparación de escritos, apoio ás persoas emprendedoras e o fomento do asociacionismo.
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo