A Deputación de Lugo confirma 300.000 euros de contía para axudas a comuneiros do Xistral
Coma condición indispensable estableceuse que cada comunidade de montes se comprometea a integrar o Modelo de Xestión deseñado no Life in Common Land
Axudas LIFE ás comunidades de montes
Xistral
A Deputación de Lugo impulsará o traballo dos comuneiros e comuneiras do Xistral, implicados no proxecto Life in common land, con axudas compensatorias "pensadas para recoñecer e retribuír todo o traballo que levan feito a través da súa actividade gandeira para manter e mellorar os hábitats de turbeiras e queirogais húmidos da Serra do Xistral".
A contía da que dispón o goberno provincial ascende ata os 300.000 euros. Hoxe publícanse no Boletín Oficial da Provincia as bases e o procedemento administrativo para poder optar a estas axudas que serán " pagos compensatorios por resultados de conservación".
Nun encontro con esta veciñanza de Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro e Xove que acolleu o curro de Santo Tomé de Recaré, no Valadouro, José Tomé explicou que "cada comunidade poderá optar a unha axuda polo resultado das accións que realizou neste territorio nos anos 2019, 2020 e 2021, seguindo o modelo de xestión deseñado no proxecto Life"
Algún exemplo desas accións que permitirán ver esa mellora no hábitat son as rozas, plantacións, mantemento e manexo sostible do gando nos hábitats prioritarios, control da vexetación, ou xestión das infraestruturas de xestión gandeira, como cercados e bebedeiros, entre outras.
Un sistema de pagos único
Este sistema de pagos por resultados de conservación "é un mecanismo financeiro de conservación innovador, xa que non subvenciona accións concretas, senón que beneficia economicamente ás comunidades de montes veciñais en man común segundo o resultado de conservación obtido coa xestión que realizan do monte".
Unha xestión que responde directamente ás recomendacións detalladas polas universidades implicadas, que estableceron indicadores que permiten coñecer cal é o estado de conservación dos hábitats. Para isto foi condición indispensable que cada comunidade de montes se comprometese a integrar o Modelo de Xestión deseñado no Life in Common Land no Proxecto de Ordenación do seu monte.
Este sistema de pagos por resultados de conservación afectará a unha superficie máxima de 3.800 ha de hábitats prioritarios, ameazados de conservación a nivel europeo.
O proxecto Life in common land
Life in Common Land é un proxecto europeo de conservación da natureza no ámbito da Serra do Xistral liderado pola Deputación de Lugo e que conta coa colaboración das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña. Ademais, un piar fundamental son as 11 comunidades de montes veciñais en man común da Balsa, Boimente, Cadramón, Frexulfe, Laxa Moura, Miñotos, Montouto, Tenente e Xistral, Santo Tomé de Recaré, Silán e Vilacampa pertencentes a 6 concellos do norte da provincia de Lugo: Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro e Xove.
A institución valora o labor das comunidades de montes veciñais en man común tanto neste proxecto como en xeral para a conservación da Serra do Xistral, un territorio de importante valor situado na Rede Natura 2000 e na Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo