Coñecemos o programa de actividades da 59ª Feira do Viño do Ribeiro
O Concello de Santiago de Compostela acolleu esta presentación
Radio Ribeiro
A organización da Feira do Viño do Ribeiro (Concello de Ribadavia e CRDO Ribeiro) presentou o programa de actividades da edición número 59ª, que terá como data de celebración do evento os días 29 e 30 de abril e o día 1 de maio de 2022, nas que volverá ao seu formato de sempre no recinto da Alameda de Ribadavia.
O pregón deste ano correrá a cargo de D. Arsenio Paz, propietario de Bodega A Vilerma e un dos grandes pioneiros e impulsores do momento actual da D.O. Ribeiro.
Entre as principais actividades desta edición destacan as Catas comentadas, que contarán coa presencia de Susana Barros e de Juanjo Figueroa Treus, que serán os encargados de guiar as sete catas que haberá dos viños de adegas e colleiteiros presentes na FVR.
Por outra parte, unha actividade xa moi consolidada, como é a Cata Popular, volverá a ter o seu espazo dentro da programación. Será na tarde do venres e ao longo de todo o sábado no local social da Magdalena onde, como en anos anteriores, o público participante catará a cegas os viños que se presenten ao concurso, dos que sairán os viños premiados nas diferentes categorías (branco de adegas, branco de colleiteiros e tintos).
Dentro do recinto haberá unha zona gastronómica, con varias Food Trucks e unha pulpeira, que estarán acompañadas na sesión viño aperitivo (en torno ás 14.00 h) e na sesión nocturna (a partir das 21.00 h) de varios artistas musicais que farán bailar e gozar aos asistentes. Os máis cativos tamén disporán do seu espazo en Ribeirolandia, onde poderán xogar e divertirse mentres os seus familiares degustan un viño tranquilamente.
Como actividades complementarias, poderase visitar o Museo do Viño de Galicia, admirando as fermosas paisaxes da zona e coñecer un pouco máis da cultura histórica e do mundo do viño do Ribeiro. Tamén se levarán a cabo visitas durante toda a fin de semana ao Castelo de Ribadavia e no local da Magdalena, haberá unha exposición permanente durante todo o evento, de tódolos “carteis históricos das edicións da Feira do Viño do Ribeiro”.
No acto de presentación celebrado onte no Concello de Santiago de Compostela, participaron as seguintes autoridades: Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde do Concello de Santiago de Compostela, Ignacio Gómez Pérez, concelleiro de Ribadavia, Juan M. Casares Gándara, presidente del Consello Regulador da D. O. Ribeiro y Cristina Otero Alonso Concelleira de Turismo e Xuventude do Concello de Ribadavia.