Chamamento aos veciños de O Ribeiro para acoller a ucraínos
Toda familia ou persoa disposta a ofrecer vivenda pode dirixirse ao Departamento de Dereitos Sociais do Concello de Ribadavia
Radio Ribeiro
O Concello de Ribadavia traslada as indicacións recibidas desde a Subdelegación en Ourense do Goberno Central e a FEGAMP, en relación coa xestión de recursos para a atención da crise humanitaria do pobo ucraíno.
A máxima prioridade é coñecer a dispoñibilidade de Vivenda existente no municipio de Ribadavia. As persoas que estean dispostas a acoller familias ou crianzas, ou que poidan poñer a disposición casas ou habitacións, poden poñerse en contacto co Departamento de Servizos Sociais do Concello de Ribadavia.
O Concello de Ribadavia comprométese a dispoñer de domicilios para acoller no noso municipio, tarefa na que leva tempo traballando en contacto coa FEGAMP e a Subdelegación. Neste sentido, tamén fai un chamamento a toda a sociedade de Ribadavia e do Ribeiro a que colaboren nesta tarefa de atopar vivendas dispoñibles para acoller persoas refuxiadas. Toda familia ou persoa disposta a ofrecer vivenda poden dirixirse ao Departamento de Dereitos Sociais do Concello de Ribadavia.