Teatro, poesía e música na axenda cultural ourensá
O Encontro de Poetas de Valdeorras terá lugar o sábado en Córgomo, dedicado a Gurriarán

O sábado ás catro e media en Córgomo terá lugar o XIII Encontro de Poetas de Valdeorras, dedicado a Florencio Delgado Gurriarán / Real Academia Galega

A axenda cultural ourená comeza este venres ás oito da tarde, como unha continuación da programación do Día da Muller. O Teatro Principal acolle `As alumnas´. Un texto de Paula Carballeira, con interpretación de Anabell Gago e Mónica Caamaño. A súa directora, Fina Calleja, dirixe así un espectáculo sobre a xustiza social e a memoria histórica. Calleja fala nesta peza de "Rosa e Elvira, dúas nenas que en tempos foron alumnas de María Barbeito e que asisten ao seu enterro. Elas viviron esa renovación pedagóxica pero sufriron as consecuencias dunha guerra".
Xa o sábado será momento de poesía no Encontro de Poetas de Valedorras que, desta volta, cambia a súa ubicación habitual. Fina Rey, a súa organizadora, explica que "este ano decidimos facer unha parte dedicada a Gurriarán e unha segunda parte dedicada á soidade na era das comunicacións".
Despois dese encontro poético, que terá lugar na praza da Aira da Cruz de Córgomo, o evento trasladarase ao espazo de arte CondeyTorino, onde terá lugar un concerto de piano e voz a cargo de Chiruca e Mauro. Un sábado que continuará ao son da Filharrmonía Ibérica no Teatro Principal de Ourense ás oito da tarde. Na dirección, e tamén no piano, o catalán Melani Mestre, recoñecido a nivel internacional, quen adiantaba nos micrófonos de Radio Ourense Cadena SER o repertorio, onde "haberá unha obra do pontevedrés Manuel Quiroga, o máis grande violinista da primeira metade do s. XX". Nese repertorio ecléctico tamén agromarán as notas de `Jeanne y Paul´ de Astor Piazzolla. No plano expositivo hoxe venres ás oito inaugurase no Centro Cultural Marcos Valcárcel “Un mar de libros”, unha exposición de Isabel Pintado, onde a artista amosa o seu talento plástico.
O domingo, tamén no Teatro Principal, a compañía madrileña Nueveuno presenta “Suspensión”. Unha proposta de circo contemporáneo na que todo pode pasar. Será ás 19.00, unha boa forma de pechar a semana.