O festival de Cans abre o prazo para o concurso "Pintar o cine"
Terá lugar ó aire libre no entorno da Praza do Concello de O Porriño o xoves 19 de maio

Concurso "Pinta o cine"

Vigo
O Festival de Cans, cuxa XIX edición terá lugar entre o 18 e o 21 de maio deste ano, abre o prazo para todas aquelas persoas que queiran participar no seu concurso de pintura rápida “Pintar o Cine”, organizado pola organización do certame, en colaboración coa empresa Pinturas Galpi.
Este evento, que terá lugar ó aire libre no entorno da Praza do Concello de O Porriño, o xoves 19 de maio, dentro da programación do festival, consiste en plasmar en directo un proxecto presentado previamente nun boceto explicativo, e que debe ter relación ou inspiración na escena dun filme. Os artistas elixidos poderán desenvolver o seu proxecto nun máximo de cinco horas ó longo da tarde, e ante o público.
As persoas que decidan presentarse deberán inscribirse de xeito gratuito previamente en pinturarapida@festivaldecans.com e mostrar un portfolio como mostra do seu estilo e do manexo da técnica que propoñan. A partir das propostas inscritas, unha comisión escollerá un máximo de dez finalistas, sendo a data límite de inscripción o 24 de abril, e tendo que ser as persoas inscritas maiores de 16 anos. “Pintar o cine”, é unha actividade coordinada pola interiorista e responsable atrezzo do festival, Isis Rodríguez.
Un xurado de tres persoas relacionadas co mundo da arte e da creación, elixirá ós gañadores. Haberá dous premios de 400 e 200 euros, así como unha silueta dun can de pedra, obra do artesán da pedra Paco Candán, e as obras serán expostas en Cans os dous últimos días do certame, o venres 20 de maio e o sábado 21.
Nas últimas edicións, este certame converteuse nun clásico do festival, logrando unha alta calidad na participación e un gran ambiente na rúa. Na última edición, os artistas inspiráronse en filmes como “O que Arde”, de Oliver Laxe, ou “Joker”, de Todd Phillips, e fixeron desfrutar ó público. O perfil dos participantes neste concurso procede de diversos perfís de creadores que van desde debuxantes a ilustradores, pasando por deseñadores gráficos ou graffiteros.