Sociedad

Unha panadería de Galdo recupera a malla tradicional: "Os nenos levan recordos coma os de antes"

Luís Pérez, o propietario, organizou unha xornada de música e traballo con máquinas de cen anos de antigüidade

Unha panadería de Galdo recupera a malla tradicional: "Os nenos levan recordos coma os de antes"

Unha panadería de Galdo recupera a malla tradicional: "Os nenos levan recordos coma os de antes"

10:28

Compartir

El código iframe se ha copiado en el portapapeles

Lugo

A panadería de Galdo, en Viveiro, conseguiu esta fin de semana unha circunstancia practicamente imposible hoxe en día: a cativada que asistiu á malla tradicional que organizaron terán, xa de maiores, os mesmos recordos ca os seus pais e avós. "Reproducíronse situacións que vivimos na nosa infancia cando íamos cos nosos maiores, iso aos rapaces vailles quedar para sempre", explica Luís Pérez o propietario do negocio.

Aínda se amosa sorprendido pola expectación que xerou en toda a comarca o evento. Incluso o aparcamento que habilitara, e que pensou que ía ser máis que suficiente, quedou pequeno ante a chegada de familias de toda a comarca, de Asturias e de visitantes que estaban pola zona: "A xente que veu asombrábase polo que tiñamos organizado, agradecéronnolo moito".

Ademais da malla había tamén música tradicional que amenizou o traballo, un concerto de violín e clarinete dende o balcón da panadería a cargo de 'Os Chanfainos' e outro do grupo de pop-rock Zerna para rematar a noite. "O contraste do son das máquinas coas gaitas, e despois cos violíns, era chocante, pero creou un ambiente precioso", relata o panadeiro.

"O que queríamos era amosar en que consiste unha malla tradicional, como se mete o mollo na máquina, como sae para a limpeira e como queda o producto final", comenta. Botou boa parte da xornada ensinándolles aos máis novos o que era un ferrado, explicoulles todo o proceso "para que aprendan polo menos de onde ven o pan", máis deulles a probar os grans de trigo: "Eu comíaos para que viran, e eles tamén, coma se foran pipas".

Tamén levantaron un palleiro con axuda dos nenos e nenas porque "Manolo, o que o estaba facendo, reclamábaos para que subiran con él alí enriba". "Botaron polo menos unha hora macizando a palla, non estaban saltando enriba dunha colchoneta, saltaban enriba do palleiro", conta. Para él esa fotografía xa fai que o esfozo de cultivar o trigo e mallalo merecera a pena: "Son imaxes que non se ven hoxe en día, alí ninguén estaba sentado mirando o móbil, e son cousas que habería que conservar".

Con todo, o que máis chamaba a atención eran as propias máquinas de mallar, que sendo centenarias cumpliron co seu cometido á perfección e ante o asombro dos asistentes, sorprendidos porque aínda funcionasen. A música e todas as actividades paralelas, porque houbo tamén unha proxección cinematográfica sobre a importancia dos oficios tradicionais, axudaron a que o día fose "estupendo", pero Luís Pérez asegura que "só ver as máquinas xa era todo un espectáculo".

Pan de edición limitada

Con este evento Luís e Carmen non só desenvolveron unha labor de conservación e divulgación sobre os traballos tradicionais, senón que ademais o resultado da malla vai culminar en varias fornadas de pan etiquetado para a ocasión. Agora tocará pasar o trigo polas pedras do muíño para facer fariña. O panadeiro calcula que terán para "uns quince días" e levará un distintivo especial "para que se saiba que foi feito con fariña da malla tradicional e que a xente saiba que está comendo un produto que axudou a elaborar".

Esta aventura, dende o cultivo do trigo ata a elaboración do pan con fariña completamente artesá, require moito traballo e economicamente "non é moi rendible", pero Luís asegura que "a motivación sae do que tivemos onte". "Durante o proceso cabreaste ca muller, ela contigo, porque en vez de estar no millo tiñas que estar facendo outra cousa", continúa, "traballas moitas horas na recollida e sofres continuamente coa meteoroloxía, pero ao ver o resultado iso todo desaparece".

A pesar do sacrificio quedaron tan satisfeitos que para o ano xa pensan en repetir e en aumentar a produción de trigo. Van cambiar a data, iso si, para facela coincidir coas festas de Galdo porque era cando tradicionalmente se mallaba o trigo na zona. O ano que vén nos días 26 ou 27 de xullo.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00