Salud y bienestar

Poder ir andando dende Bora a Combarro por unha senda

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, deu a coñecer este mércores os detalles dun ambicioso proxecto que vai impulsar o departamento municipal e que servirá para habilitar preto de 9 quilómetros de sendas a través da fachada litoral do municipio, que se traducirá na conexión entre algúns dos núcleos costeiros máis importantes de Poio. En concreto, o Concello ten previsto impulsar espazos deste tipo en cinco áreas diferentes, incluíndo a recuperación da que existe na Illa de Tambo.

O edil do Goberno local de Poio estivo acompañado polo responsable da área de Desenvolvemento Sostible de Pontevedra, Iván Puentes. Precisamente, unha das actuacións proxectadas pasa por conectar o paseo de Lourido coa capital da provincia, o que suporía dar vida “a unha conexión entre a cidade e un dos puntos de encontro máis importantes que temos en Poio”, sinalou o titular de Urbanismo.

En concreto, esta senda iniciaríase no lugar da Puntada, na parroquia de San Salvador, ata Lourido, para facela chegar ata as inmediacións da Ponte das Correntes, cunha extensión total de 3.450 metros. A maiores, contémplase tamén unha senda entre A Seca e Combarro (ata a praia de Padrón), de máis de 1.000 metros de lonxitude e que daría continuidade á xa existente entre A Freixa e o areal da Ostreira, en Campelo. Ademais, neste caso, Agís incidiu en que “con esta actuación achegamos a Combarro un equipamento e zona de estacionamento próximo como é A Seca, ao dar vida a unha nova conexión”.

No proxecto elaborado pola Concellería de Urbanismo e Promoción Económica inclúese un paseo litoral desde o lugar de Covelo, en Samieira, ata a Chancelas, de 1.586 metros, e unha zona de paso, a maiores, en Raxó, que una a praia de Sinás coa PO-308 (270 metros).

O titular de Urbanismo e Promoción Económica valorou o interese e a implicación do Concello de Pontevedra á hora de poñer en valor estas actuacións, que “supoñen un paso decisivo para dar vida a unha senda accesible que practicamente conectará a cidade pontevedresa con Combarro”. Neste sentido, o responsable de Desenvolvemento Sostible de Pontevedra salientou a importancia de impulsar unha actuación que “servirá para unir os amplos espazos e sendas coas que contan tanto Poio como Pontevedra, salvando esta fronteira invisible que existía ata o de agora”. Iván

Puentes coincidiu tamén á hora de destacar o feito de que unha vez que estas actuacións se fagan realidade “haberá unha continuidade nestes espazos que chegará desde Bora ata Combarro. Este tipo de iniciativas son as que dan sentido á política municipal”.

Tanto Agís como Puentes destacaron os beneficios que supón este proxecto para a veciñanza de Poio e de Pontevedra no que a calidade de vida se refire. “Grazas a esta actuación fomentamos hábitos saudables, promovendo o tránsito a pé por enclaves de gran beleza paisaxística”, indicaron. Ademais, Gregorio Agís incidiu na importancia que supón “conseguir vertebrar practicamente o 100% do noso litoral, promovendo unha fórmula de mobilidade sostible, sen uso de vehículos e sen emisión de gases, que é un dos piares da nosa folla de ruta desde hai anos”. O atractivo turístico e a seguridade peonil son outros dos puntos fortes deste proxecto.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00